Un novo libro analiza o machismo dixital para saber como combatelo

Vigo TecnolóxicoActualidadeUn novo libro analiza o machismo dixital para saber como combatelo
Imaxe: Arriba: Iria Vázquez Silva, outra das autoras, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e Xosé Manuel Soutullo, director da Editorial Galaxia. Abaixo: Soledad Torres, coordinadora do libro; Susana Reboreda, vicerreitora e Sandra Bastos, deputada de Igualdade (Duvi)

Imaxe: Arriba: Iria Vázquez Silva, outra das autoras, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e Xosé Manuel Soutullo, director da Editorial Galaxia. Abaixo: Soledad Torres Soledad Torres Guijarro, docente de la EET e investigadora de atlanTTic, coordina la publicación, coordinadora do libro; Susana Reboreda, vicerreitora e Sandra Bastos, deputada provincial de Igualdade (Duvi)

Un novo libro analiza o machismo dixital para saber como combatelo

Soledad Torres Guijarro, docente da EET e investigadora e atlanTTic, coordina a publicación

A semana pasada presentouse no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo o libro Hackeamos o patriarcado. Unha análise do machismo dixital. Esta obra analiza o machismo dixital para comprender as súas claves, pois as desigualdades, as condutas machistas, as violencias de xénero ou a misoxinia do mundo que nos rodea teñen tamén o seu reflexo no mundo dixital. O machismo dixital combina actitudes replicadas doutros ámbitos con códigos propios.

Á presentación oficial do libro, que constitúe o terceiro volume da Colección Feminismos en colaboración coa Editorial Galaxia, asistiron a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda Morillo; a profesora da EE de Telecomunicación e investigadora de atlanTTic Soledad Torres Guijarro, coordinadora do libro e o director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, así como a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos Míguez e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez Suárez.

Colaboración entre UVigo, Deputación e Editorial Galaxia

A publicación xorde como froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Editorial Galaxia dentro da Colección Feminismos, a través da Unidade de Igualdade. A súa directora, Águeda Gómez Suárez, explica que no marco de iniciativas como a Cátedra de Feminismos 4.0 Deputación de Pontevedra-Universidade de Vigo se detectou que varias investigadoras estaban a traballar en torno á análise da sociedade dixital en clave de xénero. De aí xurdiu a proposta a Galaxia de escribir un volume sobre esta temática. Considerouse ademais que a profesora Soledad Torres Guijarro,  pola súa traxectoria investigadora e compromiso feminista, era a persoa idónea para coordinar e deseñar esta obra.

Pola súa banda, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda Morillo, subliñou que este proxecto cumpre con importantes expectativas, como pór de relevo mulleres da UVigo que traballan sobre temas cruciais do mundo feminino ou colaboración con entidades como a Editorial Galaxia, “un referente magnífico en Galicia e en galego”. Porén, alertou tamén sobre os riscos de regresión no eido da igualdade, á vista do que está acontecer noutros países e os seus resultados electorais.

Unha obra con sete investigacións

A deputada provincial Sandra Bastos Míguez remarcaba como as desigualdades de xénero se amplifican no mundo dixital, “onde non hai barreiras temporais e xeográficas, nin, por tanto, refuxio”. Fronte a isto, o libro proporciona os resultados de sete investigacións desenvolvidas na UVigo:

Unha ollada feminista á asistencia dixital, coescrito pola propia Soledad Torres Guijarro, analiza chatbots (asistentes dixitais de conversa) desde unha perspectiva feminista, incluíndo tanto asistentes virtuais como Siri e sistemas de atención ao cliente. Entre as conclusións cabe sinalar que estes sistemas continúan a reproducir estereotipos sexistas, e a meirande parte dos asistentes teñen asignado xénero feminino, “reproducindo ese rol de mulleres dispostas a atender as necesidades dos demais”, en palabras da autora.

O segundo capítulo está enfocado nas violencias de xénero dixitais, reflexionando sobre as causas da súa proliferación, entre as que se detecta a falta de consecuencias para quen agrede, o desinterese de quen xestiona as redes, a falta de contacto de persoa que exerce a violencia coa vítima ou tamén a viralización destes sucesos.

Tamén se demostra que a tecnoloxía para detección de violencia de xénero dixital está dispoñible e funciona, co que pode servir para moderar comentarios. Constátase, así mesmo, a escasa presenza de mulleres nas titulacións STEM da UVigo, pero tamén o seu mellor desempeño académico, unha maior tardanza á hora de atopar traballo e contornas laborais máis hostís cara elas.

Falando de redes sociais, ponse o foco en Instagram e en como actúa de mediador da primeira socialización de xénero, que se dá moitas veces nesta plataforma. As autoras subliñan que mentres eles adoitan amosar o que fan, elas acostuman amosar o seu corpo. No canto de intercambiar ideas, amósanse como queren ser, e non como son.

Tras o proxecto As mulleres que nos levaron ao espazo, para pór en valor referentes femininos na ciencia, un estudo sobre a elección de estudos da mocidade galega pecha o libro. Feito tras entrevistar unha mostra de estudantes de 2º de bacharelato, pon de manifesto a necesidade de “achegar máis referentes femininos e poñer en marcha políticas de formación do profesorado das materias relacionadas coas STEM para que incorporen unha perspectiva de xénero ao modo no que imparten as clases, de xeito que as mozas que se sintan máis interpeladas e incluídas”.

Máis información

Duvi

Editorial Galaxia

Soledad Torres Guijarro en atlanTTic

Soledad Torres Guijarro en AMIT