Imaxe: Martina Páramos, no centro, na comunidade de Sartenejal para ver os avances na obra do tanque de auga (Duvi)
Unha estancia de tres meses para coñecer a enxeñaría máis social
A estudante da EET Martina Páramos participou nun proxecto de coidado ambiental en Honduras
A estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martina Páramos está de regreso en Galicia tras preto de tres meses en Honduras. Alí desenvolveu unha estadía de cooperación grazas ao Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras realidades Enxeñaría sen fronteiras Galicia (ESF) e unha bolsa de mobilidade en proxectos de cooperación da Universidade de Vigo.
Martina, de volta a casa tras unha chea de experiencias e novas perspectivas vividas, valora moi positivamente a oportunidade que supuxo esta bolsa de cooperación: “Foi transformador. Experiencias así, de estar lonxe de casa, das túas comodidades, da túa xente e da túa rutina, sempre che fan medrar. Tamén me permitiu ter tempo e enerxías para explorar temas que me chaman a atención, relacionados coa educación para a cidadanía global, as relacións entre norte e sur en canto a extractivismo, uso de poder e demais”, sinala. Desde o punto de vista profesional, afirma que viña tendo na mente a idea de buscar un eido que relacionase a enxeñaría co ámbito social ou o coidado do medio, idea que viu reforzada tras esta experiencia.
Un trimestre en San Lorenzo, departamento de Valle
A estadía de Martina desenvolveuse en San Lorenzo, Valle, onde ESF ten unha oficina e traballa con tres asociacións locais: o Comité para la defensa y desarrollo de la flora y fauna del golfo de Fonseca, a Mancomunidade de Municipios del Sur (Nasmar) e a Asociación hondureña de juntas administradoras de sistemas de agua (Ahjasa).
O contacto máis directo foi coa primeira das entidades, que centra o seu traballo na acción e concienciación social para o coidado do medio natural. Alí aprendeu acompañando ao persoal técnico nas súas saídas, nas que se realizaban reforestacións, observación de aves ou toma de mostras de auga para analizar na universidade. Tamén tivo traballo en oficina, durante o que escribía crónicas da estadía para a web de ESF e recibía formación xunto con outras persoas cooperantes. A un tempo, progresou no seu Traballo de fin de grao, que está centrado en facer melloras na aplicación móbil SIROS, nacida en 2018 para tramitar denuncias medioambientais anónimas.
Para Martina, que está a piques de rematar os estudos de grao, é a primeira experiencia no ámbito da cooperación, aínda que é socia-voluntaria de Enxeñaría sen Fronteiras Galicia desde 2021, polo que escoitara sobre as boas experiencias doutras persoas que pasaron por este mesmo programa. Ademais, escoitara a testemuña de varias mulleres hondureñas que viaxaron a Galicia no marco do programa Mulleres bravas de ESF e Amigas da Terra: “Quedei marabillada con elas e as súas loitas. Entón non lle din máis voltas e, como só me quedaba o TFG e non tiña outras responsabilidades, tireime á piscina”, relata.
Unha experiencia que abre a mente
O único aspecto negativo é o que Martina define como “cultura do piropo normalizada”: salvo que fosen acompañadas dalgún home, os asubíos e comentarios vulgares eran do máis habitual e “a iso nunca me acostumarei”, asegura. Agás ese aspecto concreto, o resto da experiencia caracterizouse por atopar “xente marabillosa, hospitalaria e con vontade por axudar no que puidese” disposta a abrir as portas das súas casas, a compartir “á sombra dalgunha árbore ou nas cadeiras da súa casa” froita, comida e frescos. “É moi enriquecedor escoitalos falar sobre como funciona o seu país, como ven o norte global, a migración, as ONG locais ou internacionais…”. Outra cousa que se trouxo de Honduras é “o ritmo de vida e o xeito de afrontar os contratempos”, recorda.
Tras pasar en Honduras preto de tres meses, recomenda unha estadía deste tipo “a calquera persoa con curiosidade polo mundo da cooperación, sensibilizada co coidado do medio e aberta a coñecer diversidade de culturas e territorios.”
Máis información
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia en Honduras
Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras realidades ESF
Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR)