Unha nova perspectiva para a enxeñaría e a ciberseguridade

Vigo TecnolóxicoActualidadeUnha nova perspectiva para a enxeñaría e a ciberseguridade
Participantes na terceira sesión de "Conectando en igualdade"

Na imaxe: Pilar Vila, Ana F. Vilas, Edita de Lorenzo, Eduvigis Ortiz e Elena Rodríguez Lois (Duvi)

Unha nova perspectiva para a enxeñaría e a ciberseguridade

Conectando en igualdade conclúe o seu ciclo de charlas

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, organizou este martes a terceira e última entrega do ciclo de charlas Conectando en Igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico.

Este peche do ciclo, que naceu co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de que a tecnoloxía se volva máis inclusiva e feminista, centrouse na ciberseguridade. Contou con Ana Fernández Vilas, coordinadora da Cátedra R en Ciberseguridade e do máster en Ciberseguridade MUniCS; Eduvigis Ortiz, de Woman4Cyber Spain; Pilar Vila, CEO en Forensic & Security e Elena Rodríguez Lois, investigadora en ciberseguridade en atlanTTic.

Unha visión máis diversa en igualdade de oportunidades

As catro participantes tiveron a oportunidade de relatar a súa experiencia ao longo da súa traxectoria como mulleres enxeñeiras no sector da ciberseguridade, poñendo o foco na baixa representación feminina en carreiras técnicas e na fenda de xénero que continúa a existir neste campo. Coincidiron tamén en facer fincapé na importancia de mudar esta mirada, para o que se considerou importante que sexan as propias mulleres as que actúen como axentes de cambio.

A transformación do mundo da tecnoloxía, incorporando unha perspectiva multidisciplinar e unha visión máis feminista e diversa, foi a principal reivindicación da xornada, que foi retransmitida en directo a través de UVigoTV. Chamouse tamén a que todos e todas teñamos as mesmas opcións de futuro, algo que, segundo se concluíu, só se conseguirá educando en igualdade de oportunidades.

O acto estivo presidido na súa apertura por Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo; Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic; Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Mar F. Cendón, técnica da Unidade de Igualdade. Edita de Lorenzo Rodríguez, profesora da EET e investigadora de atlanTTic, foi a encargada de moderar o debate.

Todas as xornadas organizadas no marco deste ciclo contaron co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, grazas ás axudas do Distintivo de Igualdade obtido polo centro atlanTTic en 2023. Os dous debates precedentes estiveron centrados no ámbito aeroespacial e na intelixencia artificial.

Máis información

Duvi

atlanTTic