Imaxe: a EEME durante a celebración das XVII Olimpíada da Xeoloxía (@minasenerxia)
Unhas olimpíadas en favor do coñecemento das Ciencias da Terra celebradas na EEME
A escola era xa sede da fase provincial desde hai 15 anos
Preto dun cento de estudantes de ESO e Bacharelato de toda España participaron o pasado sábado na fase nacional da XVII Olimpíada da Xeoloxía. Por primeira vez celebrouse na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do Campus Vigo Tecnolóxico. Durante a mañá, o alumnado clasificado enfrontouse a unha proba individual tipo test que constaba de 50 preguntas de opción múltiple. Despois tiveron unha proba en grupos na que tiveron que resolver exercicios de resposta aberta. Estes incluíron un problema real ou un suposto de tipo práctico e unha xincana xeolóxica.
Impacto positivo para o centro e para o coñecemento das Ciencias da Terra
Elena Alonso Prieto, directora da EEME, considera que a celebración desta proba no centro pode representar un impacto moi positivo; tanto estratéxico como académico e de reputación. De forma xeral para a escola e tamén para as súas titulacións: os graos de Enxeñaría da Enerxía e en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, e tamén para os mestrados en Enxeñaría de Minas e en Xestión Sostible da Auga. Desde hai 15 anos a EEME era xa sede da fase provincial desta olimpíada, o que contribuíu a establecer unha relación sólida cos centros educativos de secundaria e bacharelato e o currículo en materia de ensino de Ciencias da Terra.
A Olimpíada Española de Xeoloxía conta para a súa organización nas súas fases nacional e internacional co apoio do Ministerio de Educación e Formación Profesional, a Sociedad Geológica Española, o Instituto Geológico y Minero de España, facultades e escolas de ciencias xeolóxicas e de enxeñaría de minas ou a Asociación de Geólogos y Geofísicos Españoles del Petróleo.
Elena Alonso explica que esta competición non consiste unicamente nun exame ou nunha proba práctica, senón que ten natureza de actividade educativa con vocación por fomentar o interese polas Ciencias da Terra, as vocacións neste ámbito e contribuír a unha alfabetización xeocientífica inclusiva e tamén sensible ao xénero das persoas participantes.
Billete para Turín
Os e as mellores participantes da fase nacional do total de 95 que estiveron o sábado na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía participarán na fase internacional da Olimpíada de Xeoloxía que se disputará na cidade italiana de Turín entre o 20 e o 27 de agosto. Houbo tamén diferentes galardóns para o profesorado do alumnado mellor clasificado e aos tres mellores equipos. Ademais, a totalidade de participantes recibiu un diploma acreditativo xeolímpico e un pequeno agasallo.
Tanto o alumnado que competirá este fin de semana na fase nacional da olimpíada, como o profesorado que o acompaña, puido gozar de un programa de actividades de ocio paralelo que incluíu unha visita turística-xeolóxica a Baiona e unha xeofesta.
Máis información



