Imaxe: Felipe Gil Castiñeira, ao fondo no atril, nun momento da presentación (Duvi)
UVigo e atlanTTic presentan unha rede experimental 5G e 6G
Está concibida coma un “laboratorio vivo” aberto á colaboración con investigadores e empresas
A Universidade de Vigo activou recentemente unha nova rede experimental de comunicacións móbiles avanzadas no campus das Lagoas-Marcosende. Esta infraestrutura, presentada onte nun acto celebrado no edificio Redeiras, permitirá desenvolver e validar tecnoloxías 5G avanzado e 6G en contornas reais. O campus convértese deste xeito nun laboratorio aberto e flexible, preparado para os desafíos da conectividade do futuro.
A rede artéllase ao redor de dous proxectos financiados polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través do programa UNICO I+D 6G: DEN6, un espazo definido por software, dinámico e actualizable, e mmDEN6, que estende as capacidades cara as frecuencias de ondas milimétricas para o estudo de redes ultradensas 6G. O investimento total para estes proxectos é de preto de 4 millóns de euros. A infraestrutura complétase con máis de 3 millóns de euros destinados á adquisición de equipamento punteiro de xeración e medida.
Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e responsable do proxecto na UVigo, precisou que se trata dunha rede única experimental a nivel europeo. Conta cunha gran cantidade de compoñentes, estacións base de radio, equipos de cómputo ou sistemas de comunicacións ópticas. A expectativa é que se converta nun “laboratorio vivo” para avanzar cara as redes de sexta xeración.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, aposta porque Europa manteña un lugar destacado no mundo, en primeira liña en todas as innovacións tecnolóxicas. Puxo en valor, ademais, que esta rede permitirá seguir afondando no talento propio.
O acto de presentación complementouse cun relatorio sobre a evolución das redes 5G cara 6G presentado por Alejandro Alonso Portero, experto en Innovación e Evolución de Rede en Telefónica de España, e unha mesa redonda sobre a aplicación das redes experimentais como impulsores do I+D. Foi moderada por Javier Martínez Borreguero, Industry 4.0 Global Head en Telefónica Tech, e participaron nela Pili Chapela, directora de Retegal; Isaac Ballesteros, CTO de Centum; Fernando Lamela, director de Tecnoloxía 5G en Optare Solutions; e Pablo Fondo Ferreiro, investigador senior en atlanTTic. O acto pechouno, a través de videoconferencia, Matías González Martín, secretario xeral de Telecomunicacións, Infraestruturas Dixitais e Seguridade Dixital do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Unha rede aberta á experimentación e investigación
A nova rede está orientada ás probas experimentais científicas en contornos reais. Permite a experimentación en escenarios específicos como industria 4.0, vehículos conectados e autónomos, lecer dixital, mobilidade intelixente ou educación inmersiva, entre outros. Felipe Gil salienta que non se trata dunha rede comercial, senón dun banco de probas avanzado que permite modificar desde a capa física ata o núcleo da rede, algo non posible nunha infraestrutura pechada. Isto é posible grazas á integración de equipamento comercial de última xeración con sistemas de Radio Definida por Software (SDR) e arquitecturas baseadas en SDN/P4, que posibilitan a validación de novos protocolos, formas de onda e solucións completas de rede.
Esta infraestrutura cobre espazos interiores e exteriores mediante 15 estacións base (gNB) en cinco lugares estratéxicos do campus: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (que combina nodos exteriores cun despregue interior masivo), o edificio Exeria, o de Deportes, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e CINTECX. Opera en varias bandas, incluíndo 26 GHz, o que permite investigar en ondas milimétricas e emular contornos ultradensos de moi baixa latencia.
O camiño cara o 6G pleno
Esta infraestrutura permitirá desenvolver e validar solucións en ámbitos como o vehículo conectado e autónomo, a industria 4.0, a operación de drons con procesado en Edge ou a realidade estendida (XR), así como investigar en “network slicing” dinámico, roaming entre distintos núcleos e sincronización precisa para aplicacións industriais. A rede está concibida coma un laboratorio aberto á colaboración con persoal investigador e empresas, que poderán acceder mediante un sistema formal de solicitude e avaliación técnica. Deste xeito a Universidade de Vigo e atlanTTic consolídanse coma un centro de referencia en 5G avanzado e 6G. Felipe Gil marca como seguinte paso a evolución cara un contorno enteiramente 6G, intensificando a experimentación en arquitecturas cell-free, xestión autónoma zero-touch e integración cloud-edge. A iniciativa contribúe á xeración de coñecemento avanzado, á creación de emprego cualificado e á transferencia de innovación cara a sectores estratéxicos como a automoción e o aeroespacial.
Máis información
España Digital: UNICO I+D 5G Avanzado e 6G



