UVigo e BorgWarner crean unha nova cátedra

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo e BorgWarner crean unha nova cátedra
Imaxe de familia da sinatura da cátedra UVigo-BorgWarner

Imaxe: Representantes de UVigo e BorgWarner que participaron no acto de sinatura da cátedra (Duvi)

UVigo e BorgWarner crean unha nova cátedra

As escolas de Enxeñaría Industrial e de Telecomunicación concentran as accións conxuntas

Son xa dúas décadas de colaboración entre a Universidade de Vigo e a empresa BorgWarner Emissions Systems Spain, máis concretamente coas escolas de Enxeñaría Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico. Tras anos como colaboradora activa na realización de actividades formativas, de divulgación e de captación ambas as dúas partes veñen de rubricar a creación dunha nova cátedra.

O acto de sinatura tivo lugar o pasado venres no campus, coa presenza de Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo; Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; José Fariña Rodríguez, director da Escola de Enxeñaría Industrial; o vicepresidente de Enxeñería de BorgWarner Turbos & Thermal Technologies, Carlos Castaño; e o director de Recursos Humanos de BorgWarner España, Xurxo Arias. O acordo de creación da cátedra ten como obxectivo regular a colaboración estable entre a universidade e esta empresa de solucións de propulsión e xestión térmica para a industria da automoción. Os propósitos fundamentais serán promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario e fomentar vocacións tecnolóxicas en áreas de coñecemento relacionadas coas actividades de BorgWarner entre o alumnado preuniversitario.

Máster dual e microcredencial

O reitor Reigosa agradeceu a confianza depositada na Universidade de Vigo e recalcou a importancia da captación do talento e da apertura á colaboración público-privada. Pola súa parte, Carlos Castaño cualificou a creación da cátedra como un fito na colaboración entre BorgWarner e a universidade, e incidiu en que investir en educación, investigación e talento é unha aposta estratéxica a longo prazo. Xurxo Arias, director de Recursos Humanos de BorgWarner, detallou algunhas das colaboracións que durante os últimos anos a empresa desenvolveu canda a UVigo.

Os directores das dúas escolas de enxeñaría involucradas, Rebeca P. Díaz Redondo e José Fariña Rodíguez, enumeraron algunhas das liñas de actuación xa desenvolvidas xunto a BorgWarner. Así, Díaz Redondo citou actividades de captación e divulgación, o patrocinio das Olimpíadas de Teleco ou dos premios aos mellores expedientes. Adiantou, ademais que esta semana sairán por vez primeira as prazas para a mención dual do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, unha das cales é de BorgWarner.

Tanto en Telecomunicación coma en Enxeñaría Industrial BorgWarner oferta TGFs e TFMs e colabora na formación de doutoramento. Outro exemplo da colaboración é  a microcredencial Modelado e control de accionamentos PMSM con MATLAB-Simulink.

Liñas estratéxicas

A cátedra cota con cinco liñas estratéxicas de actuación recollidas no documento asinado por ambas as dúas partes: creación dun programa de captación do talento para a formación excelente de alumnado de enxeñaría (EEI e EET) nas liñas de actividade de BorgWarner; impulso de accións que permitan a difusión da actividade docente e investigadora do PDI das escolas; colaboración en actividades transversais á docencia (especialmente no ámbito do Plan de Acción Titorial e o de mentorización das escolas e accións con asociacións estudiantís); promoción da posta en marcha de actividades formativas para a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria; e organización de xornadas, conferencias, seminarios e foros, nos ámbitos de estudo propios da cátedra.

Así, colaborarase cos plans de captación, organizaranse actividades formativas para alumnado preuniversitario, poranse en valor os expedientes máis destacados e organizaranse conferencias, seminarios e obradoiros, entre outras iniciativas. O convenio establece unha achega anual de 15.000 euros por parte de BorgWarner para a cátedra, que será dirixida pola subdirectora de Infraestrutura e Internacional da EE de Telecomunicación, Verónica Santalla. Na comisión de seguimento estarán dúas persoas de cada escola de enxeñaría e representantes da empresa.

Máis información

Duvi