A UVigo, entre as mellores do mundo en Enxeñaría do petróleo e Enxeñaría eléctrica e electrónica

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo, entre as mellores do mundo en Enxeñaría do petróleo e Enxeñaría eléctrica e electrónica
Imaxe da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía co logo de QS World University Rankings

A UVigo, entre as mellores do mundo en Enxeñaría do petróleo e Enxeñaría Eléctrica e Electrónica

Tamén destaca en Agricultura e forestal, Ciencias biolóxicas e Química, segundo o QS World University Rankings by Subject 2024

Quacquarelli Symonds (QS), organización avaliadora de universidades de todo o mundo, vén de publicar a súa clasificación anual de universidades por área de coñecemento, o World University Rankings by Subject. A clasificación de 2024 coloca á Universidade de Vigo entre as mellores do mundo en cinco ámbitos, entre eles, Enxeñaría do Petróleo e Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, ademais de Agricultura e Forestal, Ciencias Biolóxicas e Química. A UVigo progresa, tamén, na clasificación global.

QS proporciona unha análise comparativa independente sobre máis de 16.400 programas universitarios, cursados por estudantes de más de 1500 universidades en 96 países do mundo, incluíndo 55 disciplinas académicas e cinco amplas áreas de coñecemento. Comezou a  avaliar a Uvigo en 2021, ano no que se colocou entre as mellores do mundo en dous campos de coñecemento, que pasaron a ser tres en 2023 e agora cinco no informe de 2024.

 

Enxeñaría do Petróleo

É a primeira vez que a UVigo accede á clasificación neste eido. Faino, ademais, nunha posición destacada: no tramo das 101-150 mellores universidades do mundo. Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, explica que esta é unha parte da enxeñaría que abrangue moitos temas, dende tratamento de hidrocarburos ata o estudo dos produtos finais e os seus derivados, como lubricantes, refrixerantes, etc., así como tamén aspectos que van dende a xeoloxía á xeofísica do subsolo. “Temos, por unha banda, os grupos da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, xunto grupos de CINTECX, que poden tratar de maneira directa ou indirecta algún deses aspectos”.

Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía impártense os graos en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e en Enxeñaría  da Enerxía.

 

Enxeñaría Eléctrica e Electrónica

A clasificación de QS sitúa a UVigo na franxa 401-450 nesta disciplina, mellorando a posición de 2023, que estaba no rango 551-600. Rubio considera que este resultado pon en valor o traballo realizado no CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico. A vicerreitora sinala que CINTECX “preséntase como un centro relevante, que esperamos pronto acade tamén a catalogación de centro CIGUS na convocatoria de centros da Xunta de Galicia do 2023, que está a piques de ser resolta”.

Na súa oferta docente, entre os graos que oferta a Escola de Enxeñaría Industrial están Enxeñería Eléctrica e Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática (este último tamén en formato de dobre grao xunto con Enxeñaría Mecánica ou con Biomédica).

 

Melloras na clasificación alén do Campus Vigo Tecnolóxico

O equipo de goberno, a través da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, amósase moi “satisfeito”, porque ademais de mellorar na clasificación global “temos unha mellora moi notable pasando de 2 a 5 materias nas que aparecemos nesta listaxe”, e isto é un “salto cuantitativo que ten varias vantaxes”. Por unha banda, recalca que ten “un peso directo no plan de financiamento, en particular no módulo 2” e, por outra, “supón unha mellor carta de presentación da UVigo, tanto para o novo alumnado que está agora a pensar en que universidade facer os seus estudos, como para o persoal investigador que decide vir a facer a súa carreira investigadora”.

Así, en Agricultura e forestal, a Universidade de Vigo acada un posto entre as 201 e 250 mellores do mundo, o que acredita o bo facer do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Tanto as Ciencias biolóxicas como a Química soben un chanzo, pasando do rango 551-600 ao 501-550.

Hai outras disciplinas que tamén conseguen moi boa puntuación, ás veces incluso mellor que as xa mencionadas, pero que quedan en postos non tan altos da clasificación pola maior competencia nestas áreas. É o caso de Computer Science & Information Sytems, froito do bo traballo de atlanTTic.

Para elaborar estas clasificacións por disciplinas QS emprega cinco métricas clave: os indicadores de reputación, baseados nas respostas de máis de 240.000 empregadores e académicos/as ás enquisas QS, o impacto da investigación, a súa produtividade (avaliando as citacións por paper e o índice-h) e a Rede Internacional de Investigación (IRN), que se emprega para avaliar a colaboración en investigación transfronteiriza. En total, para elaborar a edición 2024, o equipo de Quacquarelli Symonds analizou a reputación e os resultados de investigación de preto de 5000 institucións. De entre todas elas, entraron no ranking 1559 en 55 temas específicos e 5 áreas temáticas amplas, creando máis de 19.100 entradas.

 

Más información
Duvi

QS World University Rankings by Subject 2024