UVigo Motorsport comeza a fabricar o chasis do monopraza co que regresará este ano aos circuítos europeos

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo Motorsport comeza a fabricar o chasis do monopraza co que regresará este ano aos circuítos europeos

O vehículo rodará en Montmeló e Hockenheim en agosto

Despois de meses de esforzo e planificación, o equipo multidisciplinar UVigo Motorsport, formado por alumnado de varias titulacións da Universidade de Vigo e vencellado a Escola de Enxeñaría Industrial, acaba de entrar na fase clave de fabricación do vehículo co que competirá en dous circuítos europeos este verán. Actualmente, o grupo está a producir as pezas do chasis e as superficies aerodinámicas do UM21, o monopraza co que agardan superar as probas dinámicas e estáticas de Formula Student, a competición automobilística na que participan equipos universitarios de todo o mundo.

Entre as novidades do UM21 atópase a reestructuración xeral do cableado, así como a do sistema electrónico do vehículo. Tendo en conta a elevada carga de traballo dos vindeiros meses, o grupo abriu recentemente un proceso de ampliación co fin de incorporar novos membros aos departamentos de chasis e organización e márketing. Deste xeito conseguiron recrutar a tres estudantes, sumando así un total de 44 membros, 30 no campus vigués e 14 no de Ourense.

Atópanse no “momento máis importante” do proceso

Tras completar a fase de deseño, UVigo Motorsport afronta a etapa de produción e ensamblaxe do novo monopraza a só uns meses da súa participación en Formula Student Germany, entre o 2 e o 8 de agosto, e Spain, entre o 16 e o 21 de agosto. Neste momento, que para eles é “o máis importante da fabricación”, o equipo desenvolve as pezas do chasis e o paquete aerodinámico, unha serie de elementos elaborados con fibra de carbono, “cuestión que esixe unha gran precisión no proceso”.

Lembran que “realmente a fabricación é a guinda, o último paso de todo un proceso de traballo” no que “son necesarias moitas horas de deseño, simulacións e probas reais de cada parte do monopraza”. Non obstante, o equipo asegura que “a fabricación noutros departamentos, como o de electrónica, está nunha fase moi avanzada, superando incluso as previsións”. Explican que paralelamente ao traballo do departamento de chasis, estanse a realizar probas para ultimar as melloras máis recentes, vinculadas co cableado e o sistema electrónico. O alumnado continúa ademais coa elaboración da xeometría de suspensión e a análise de neumáticos en pista. O obxectivo é que “todo estea listo ata o último detalle de cara ás competicións deste verán”.

A pausa por mor da pandemia brindoulles unha oportunidade

Malia que as competicións previstas para 2020 tiveron que adiarse a causa da expansión da Covid-19, este ano retomaron a súa actividade. De feito, Formula Student Spain recibiu 250 solicitudes de participación de 19 países para a carreira que terá lugar en agosto, e a de UVigo Motorsport foi unha das 100 seleccionadas.

Lonxe de ver a pandemia como un problema, o equipo de UVigo Motorsport decidiu aproveitar esta “etapa de transición” para “probar os deseños máis recentes sobre o UM19 co fin de implementalos no UM21 coa seguridade de que non fallarán”. O principal obxectivo do equipo este ano é “poder presentar o novo monopraza e velo rodar nas diferentes competicións despois de case dous anos de planificación e construción”. Subliñan tamén a importancia de “facer un bo papel nas probas estáticas e acadar unha boa posición nas clasificacións”.

En 2022, un prototipo de coche autónomo

“Ao mesmo tempo que ultimamos os detalles para este 2021, xa miramos cara a 2022”, aseguran os e as integrantes de UVigo Motorsport. De feito, xa contan cun departamento que traballa no desenvolvemento dun novo coche no que aplicarán “tecnoloxías de última xeración, algunhas delas aínda en fases experimentais”.

O equipo avanza que co comezo do curso 2021/22 e, tras competir co UM21 nos circuítos de Montmeló e de Hockenheim, todos os departamentos porán en marcha o seu seguinte desafío: a creación dun monopraza autónomo, sen piloto. O maior reto para a realización dese prototipo será “a sincronización de todos os subsistemas e a diminución do custo de computación dos algoritmos, para poder traballar a tempo real”, explican.

Fonte: DUVI.