UVigo Motorsport inicia a fase de fabricación do UM22, o seu primeiro monopraza autónomo

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo Motorsport inicia a fase de fabricación do UM22, o seu primeiro monopraza autónomo

Nesta tempada o equipo está formado por 48 estudantes de enxeñarías de Vigo e Ourense

Despois da pasada tempada, que rematou con resultados pouco satisfactorios, a escudaría universitaria UVigo Motorsport afronta este 2022 cun equipo moi renovado, novos folgos e un obxectivo moi claro: “mellorar en todos os aspectos posibles para así obter os mellores resultados”. Así o resume Sara Barbeito, team líder do equipo e tamén responsable de organización e márketing, unha dobre responsabilidade que asume no seu segundo ano como membro de UVigo Motorsport. O equipo ten por diante un enorme reto: deseñar, fabricar e rodar o primeiro monopraza autónomo da Universidade de Vigo, tal e como esixen as bases da competición Formula Student neste 2022.

48 estudantes para un reto

Estudante de Enxeñaría Aeroespacial, Sara Barbeito é unha das sete mozas que forman parte dunha escudaría que conta cun total de 48 membros, moitos deles de recente incorporación tras un importante proceso de renovación do equipo froito do remate dos estudos na pasada tempada de gran parte do equipo, polo que son moitas as caras novas que achegan novas ilusións e expectativas a este proxecto. Os 48 estudantes proceden de doce titulacións da UVigo, sendo Enxeñaría Mecánica a maioritaria aportando ata 11 membros, seguida por Enxeñaría Aeroespacial con 9 e Enxeñaría Informática con 8. UVigo Motorsport conta tamén con alumnado de Enxeñaría Electrónica e Automática; do dobre grao en Enxeñaría Mecánica e Electrónica e Automática; de Tecnoloxía Industrial; de Enxeñaría de Telecomunicación; de Enxeñaría de Organización Industrial; do dobre grao en Enxeñaría Biomédica e Electrónica Industrial e Automática; de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e de Enxeñaría Biomédica. “Estamos moi contentos con este proceso de ampliación e cos novos membros, entre os que hai moitísimo talento”, explica Barbeito, pero tamén recoñece que as mozas continúan a ser unha clara minoría xa que, “por desgraza, no mundo da enxeñaría e do automobilismo o número de mulleres segue a ser escaso”. A esta renovación de persoas tamén se une unha reorganización completa da directiva, así como melloras tanto na comunicación interna como externa coas entidades colaboradoras e patrocinadoras, entre as que se atopa o Campus Vigo Tecnolóxico.

O coche autónomo, a meta do equipo

De cara á posta en marcha do UM22, Sara Barbeito explica que todos os departamentos remataron xa os procesos de deseño e nas últimas semanas comezaron o proceso de fabricación do monopraza, traballando da man dos patrocinadores do equipo. A principal novidade é que a nova normativa de Formula Student require que os coches que compitan sexan autónomos, o que obriga ás escudarías a un esforzo extra para o que levan xa dous anos preparándose. Ata agora existía unha categoría para coches autónomos, pero a partir deste 2022, detalla a responsable do equipo, “o coche autónomo está incluido dentro das probas xerais para vehículos de combustión”, na que compite UVigo Motorsport. “As probas serán moi similares ás que se veñen realizando, e o correcto funcionamento do coche autónomo é unha sección puntuable máis dentro das competicións, polo que en caso de problemas, un fallo dos sistemas autónomos non suporía unha descualificación do equipo nin nada similar, e seguiremos contando ca precisión dos nosos pilotos para poder competir”.

No relativo ás melloras, implementaranse distintas modificacións que permitirán optimizar o rendemento do coche. No que respecta ao chasis, avanza Barbeito, “este ano decidimos implementar un chasis tubular, o cal nos permitirá ter unha maior seguridade no proceso de fabricación, así como acurtar os prazos para que o monopraza poida probarse ampliamente antes de viaxar ás competicións”. No ámbito electrónico, están a traballar na mellora do cableado modular, ademais de implementar un sistema de comunicación mediante CAN-BUS, “o cal é moi importante para os sistemas autónomos”. No resto de departamentos centráronse en mellorar a eficiencia dos diferentes sistemas do coche para obter o mellor deseño posible.

Pendentes de fixar os circuítos

O que aínda non teñen claro no equipo é en que circuítos competirán este verán. En 2021, problemas co chasis impediron que o monopraza rodase en Montmeló, e outras complicacións fixeron que finalmente tamén renunciasen a correr na pista alemá de Hockenheimring. Pero isto converteuse nun punto de inflexión, como explica Barbeito, xa que “estamos enfocados en ter un coche competitivo para as diferentes citas deste verán e xa tomamos as medidas necesarias para que non se volva a repetir a mesma situación”. Agora queda marcar un calendario, e aínda que as probas de acceso para a maioría de eventos tiveron lugar en xaneiro, as datas das carreiras vanse confirmando aos poucos. De feito, as de Formula Student Spain acaban de facerse públicas, entre o 29 de agosto e o 4 de setembro, e esa é unha competición “que sempre teremos en conta á hora de decidir a cales asistir”. Á espera de cadrar as datas e confirmalas, a responsable do equipo o que asegura é que “UVigo Motorsport competirá este verán”.

Fonte: DUVI.