Imaxe: equipo deste ano de UVigo Motorsport co coche da pasada temporada, o UM25 (Duvi)
UVigo Motorsport presenta o UM26, un monopraza para continuar a súa liña ascendente
O equipo foi capaz de sobreporse ao duro revés que foi o incendio das súas instalacións
A escudaría universitaria UVigo Motorsport vén de vivir os seus momentos máis complicados desde a súa fundación en 2014: na madrugada do pasado 21 de febreiro un incendio arrasou o seu taller. Este suceso puido truncar a temporada, pero as 80 persoas que conforman o equipo foron quen de sobrepoñerse e sacar adiante o monopraza UM26, que este verán competirá nos circuítos de Formula Student de Austria e España.
Marta Cabo, team leader do que é o único equipo galego de Formula Student, explica que, a pesar do importante contratempo, o apoio dos patrocinadores, de CIMA e do CINTECX, onde teñen un espazo cedido por este grupo de investigación para poder traballar na fabricación do monopraza, fixo posible salvar a temporada.
Para afrontar os danos causados polo incendio o equipo puxo en marcha unha campaña de micromecenado. A pesar de non acadar o obxectivo económico proposto, oi suficiente para repoñer as ferramentas imprescindibles. Como resultado, o UM26, que se presentou na tarde do venres na Escola de Enxeñaría Industrial.
Un automóbil máis lixeiro con propulsión nova
O UM26 é un coche máis lixeiro, cun novo motor e con sistemas de propulsión e aerodinámica renovados. Como cambios máis importantes, Marta Cabo salienta esa redución de peso, o cambio de motor e o redeseño de todos os sistemas de propulsión. Esa redución de peso recae no chasis, pero tamén nos demais sistemas, fundamentalmente, de toda a propulsión e do paquete aerodinámico. Son uns 25 kg menos de peso.
O motor cambiou dun Kawasaki ER6N, que empregaban desde 2017, a un Triumph Daytona, o que implicou cambios nos demais subsistemas. O combustible seguirá sendo o etanol, coma no UM25, primeiro automóbil da escudaría en deixar atrás o gasóleo.
Volta aos circuítos: dúas próximas citas
O monopraza correrá este verán en dous circuítos: a primeira proba será o Formula Student Austria, do 26 ao 30 de xullo no Red Bull Ring. E a segunda cita terá lugar no Formula Student Spain, en Montmeló do 1 ao 7 de agosto.
A team leader do equipo marca como obxectivo continuar a liña ascendente que levan seguindo desde o UM23.
O ano pasado, o UM25 competiu en Castelo Branco, Portugal, e acadou dous primeiros postos nas probas estáticas (Cost & Manufacturing Event e Engineering Design Event) ademais da segunda posición na clasificación xeral, con 423,78 puntos. No Formula Student Alpe Adria de Croacia os mellores resultados do equipo foron en Skipad (8º posto) e Cost & Manufacturing e en Engineering Design (9º). Sumaron 335 puntos.
80 persoas cheas de ilusión
Actualmente UVigo Motorsport está composta por 80 integrantes que proceden de todas as titulacións de enxeñaría da UVigo, xunto con alumnado procedente doutros graos, como Publicidade e RR. PP. ou comercio. É unha cifra similar á de temporadas pasadas, o que deixa ver o interese por este proxecto que complementa os seus estudios.
Respecto as instalacións que arderon en febreiro, a responsable do equipo indica que o taller segue sen desmantelarse, polo que continuarán a traballar no espazo cedido polo grupo CIMA dentro das instalacións do CINTECX.
Máis información



