UVigo SpaceLab amosa os avances na misión espacial BIXO

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo SpaceLab amosa os avances na misión espacial BIXO
Patricia Argerey Vilar, de GAIN; Manuel Diz Folgar, de UVigo SpaceLab; e Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo.
Na imaxe: Patricia Argerey Vilar, de GAIN; Manuel Diz Folgar, de UVigo SpaceLab; e Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo.

A misión biolóxica espacial BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment Orbiter), impulsada pola agrupación de estudantes UVigo SpaceLab, continúa avanzando cara a súa materialización. Onte, no marco dunha visita institucional da Axencia Galega de Innovación (GAIN), a súa directora, Patricia Argerey Vilar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, puxeron unha “primeira pedra simbólica” do proxecto. O seu obxectivo é analizar os efectos da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial. Para iso empregará un satélite tipo cubesat.

Argerey e Reigosa estiveron acompañados durante a súa vista polas instalacións de UVigo SpaceLab na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e os directores das tres escolas de enxeñaría do campus Vigo Tecnolóxico: Rebeca Díaz Redondo (Telecomunicación), Elena Alonso Prieto (Minas e Enerxía) e Juan Pardo Froján (Enxeñería Industrial). Tamén estivo presente Carlos Ulloa, en representación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais participaron na visita o director e subdirectora de atlanTTic, Martín Llamas e Yolanda Blanco, e o catedrático Fernando Aguado, responsable do grupo ATRG (Aerospace Technology Research Group).

O equipo do SpaceLab, do que son parte ao redor de 40 estudantes de diferentes titulacións, recibiu os parabéns tanto de Argerey como de Reigosa polo seu “talento” e por realizar un traballo “tan impresionante” nun proxecto que require “colaborar con tantas organizacións e empresas”, en palabras da directora de GAIN. Pola súa banda, o reitor lembrou que tanto as escolas como atlanTTic están moi afeitos á colaboración público-privada. O primeiro subsistema do cubesat en chegar foi subministrado pola spin-off da UVigo Alén Space. Trátase de TOTEM, o módulo de comunicacións que levará o satélite. Montouse na sala limpa da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para asegurar a súa protección contra a contaminación.

 

Un cubesat 2U con asesoramento da Axencia Espacial Europea

Manuel Diz e Guillermo Calvo, integrantes do equipo de coordinación de UVigo SpaceLab, explicaron na visita ao laboratorio que a finalidade do proxecto é que “o satélite BIXO sexa enviado ao espazo cunha carga biolóxica e estudar como lle afecta a microgravidade e a radiación á exposición prolongada ao ambiente espacial”. O equipo de estudantes encárgase tanto da parte biolóxica como da tecnolóxica, desenvolvendo desde “a estrutura do satélite ata o ADCS (sistema de control de orientación e actitud), a cámara, o software e a antena de banda S. Outra parte dos subsistemas son proporcionados polas empresas patrocinadoras e colaboradoras.

Na presentación, Diz lembrou que BIXO é o satélite máis pequeno que se quere pór en órbita con este tipo de cargas biolóxicas, xa que ata o de agora a NASA e o resto de axencias que desenvolveron satélites deste tipo fixérono cun tamaño maior, formato cubesat 3U (30x10x10 cm) e desde UVigo SpaceLab farano en 2U (20x10x10 cm), o que supón un reto adicional.

Diz tamén anunciou que, malia que o lanzamento estaba previsto para o vindeiro 2024, tomouse a decisión de adialo a 2025, co obxectivo de completar os trámites de operador da Universidade de Vigo e asegurar as licenzas de radiofrecuencia necesarias.

Por outra banda, a misión BIXO segue a obter soporte de expertos da Axencia Espacial Europea (ESA), pois en 2022 foi un dos proxectos CubeSat seleccionados no programa Fly Your Satellite! Design Booster. Ata o momento, este programa supuxo para UVigo SpaceLab unha mellora técnica en todos os ámbitos, elevando a viabilidade da misión e da formación espacial de todos os membros. Grazas ao asesoramento da ESA, recalcan, superouse con éxito a BaseLine Design Review, onde se sentaron as bases para o desenvolvemento de todos os deseños finais dos compoñentes de BIXO de cara ao seu futuro prototipado, testeo, fabricación, lanzamento e desempeño en órbita.

Máis información no Duvi.

Imaxe: UVigo SpaceLab