UVigo SpaceLab amplía o seu equipo de cara ao lanzamento da misión BIXO

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo SpaceLab amplía o seu equipo de cara ao lanzamento da misión BIXO
UVigo SpaceLab amplía o seu equipo

Infografía: UVigo SpaceLab

UVigo SpaceLab amplía o seu equipo de cara ao lanzamento da misión BIXO

A asociación estudantil vén de estrear o seu departamento térmico

A día de hoxe, 49 estudantes integran UVigo SpaceLab, un equipo multidisciplinar dedicado ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais, que un ano máis volve contar co patrocinio do Campus Vigo Tecnolóxico. Actualmente están ultimando o proxecto BIXO, Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit, un satélite tipo cubesat de dúas unidades que levará a bordo unha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteriana. E, ao mesmo tempo, atópanse nun proceso de ampliación que se prolongará ata o vindeiro 19 de abril. Daniel Collarte, responsable de marketing e manager lead do equipo, afirma que o propósito é atraer novo alumnado para garantir a remuda xeracional e manter o coñecemento. Precisa tamén que non só se busca alumnado de enxeñaría senón tamén estudantes doutras titulacións que poidan achegar o seu coñecemento en áreas administrativas, de deseño ou de comunicación.

Posto que o lanzamento de BIXO está previsto para os próximos meses, o alumnado de nova incorporación poderá vivir este lanzamento, ademais de, naturalmente, contribuír ao desenvolvemento de novas misións. Tal e como sinala Collarte, non se trata só de BIXO, senón de crear un equipo no que todas as persoas integrantes poidan pór en práctica os coñecementos adquiridos durante os seus estudos, ademais de ampliar o seu ámbito de coñecemento.

Adquisición dunha valiosa experiencia

Un dos departamentos a reforzar é o térmico, recentemente creado como escisión do departamento de estruturas. Tomouse esta decisión polos requirimentos de BIXO, ao tratarse dunha misión biolóxica: a bacteria que porá en órbita vive en temperaturas temperadas, uns 25 a 40ºC, mentres que no espazo pódense acadar valores moito máis elevados que significarían a súa morte. Trátase dun departamento idóneo para xente que queira aprender sobre análise térmica, explica Daniel Collarte.

As persoas que se incorporen a SpaceLab tamén poderán coñecer ferramentas e programas informáticos utilizados na industria aeroespacial, co que adquirirán unha valiosa experiencia en deseño espacial. Collarte coida que será especialmente interesante para estudantes de enxeñaría aeroespacial e mecánica que queiran afondar no deseño e análise térmica de sistemas espaciais.

O cubesat de BIXO, na súa recta final

Se todo vai segundo o previsto e non hai complicacións coa licenza de radio ou coas datas de chegada das súas diferentes partes, o equipo espera rematar o cubesat da misión BIXO este outono. Polo momento queda recibir a unidade de potencia do satélite (EPS, Electrical Power System) e continuar cos estudos cos subsistemas incorporados no flatsat, a placa que integra os principais subsistemas que irán na misión espacial coa finalidade de realizar probas na sala limpa.

Paralelamente ao desenvolvemento do proxecto, integrantes do equipo están a asistir a foros internacionais para continuar coa súa formación e tamén para presentar os avances do seu proxecto. Así foi no Small Satellites & Services International Forum, celebrado en Málaga o pasado febreiro. Alí puideron presentar unha serie de pósters nos que se representaba o deseño, fabricación e testeo de diferentes compoñentes.

Máis información

Duvi

Formulario da ampliación na web de UVigo SpaceLab