UVigo SpaceLab integra a súa cámara experimental no vehículo que a levará á súa órbita

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo SpaceLab integra a súa cámara experimental no vehículo que a levará á súa órbita
iego Pérez de UARX Space e Guillermo Calvo, Ezequiel Rodriguez, Victor Iglesias e Lorena Conde de UVIGO SpaceLab

Imaxe: Diego Pérez de UARX Space e Guillermo Calvo, Ezequiel Rodriguez, Victor Iglesias e Lorena Conde de UVIGO SpaceLab (UARX Space)

UVigo SpaceLab integra a súa cámara experimental no vehículo que a levará á súa órbita

O proxecto CORTIS emprega o vehículo de transferencia orbital OSSIE de UARX Space

O proxecto CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space; Observación con cámara e proba de radiación no espazo) de UVigo SpaceLab xa está integrado no vehículo de transferencia orbital OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration, ou Solucións orbitais para simplificar a inxección e a exploración). É un vehículo capaz de transportar pequenos satélites á órbita requirida, o primeiro do seu tipo desenvolvido integramente en España, froito da colaboración entre UVigo SpaceLab, asociación estudantil que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, e a empresa galega UARX Space. Con sede en Nigrán, UARX Space converteuse nun referente europeo en transporte espacial, especializado en servizos de lanzamento compartido e dedicado a satélites de dimensións reducidas como PocketQubes a CubeSats.

CORTIS avaliará e comparará o rendemento de sensores de radiación comerciais fronte a tecnoloxías desenvolvidas por UVigo SpaceLab e validará unha cámara con flight heritage coa que se espera tomar imaxes do exterior da plataforma OSSIE e da Terra e que se empregará na futura misión BIXO. O equipo de UVigo SpaceLab leva catro anos traballando nesta misión que portará unha carga biolóxica nun satélite cubesat. Explican desde a asociación que a plataforma experimental CORTIS é clave para avanzar no desenvolvemento de sistemas espaciais propios e robustos.

Crucial para a misión BIXO

En 2026 o proxecto será lanzado a bordo dun foguete Falcon 9 da empresa SpaceX xunto a outras cargas útiles internacionais. Segundo os datos que se obteñan en órbita, o equipo de UVigo SpaceLab poderá seleccionar os sensores que mellores resultados obteñan para empregalos na vindeira misión espacial BIXO. Serán de vital importancia para esta misión que porá en órbita un cultivo bacteriano para estudar como se ve afectado pola exposición prolongada ao ambiente espacial. Ademais, a cámara flight heritage, coa que se espera obter imaxes do exterior de OSSIE e do noso planeta, será unha das cargas secundarias que tamén levará BIXO.

CORTIS xurdiu a raíz de colaboracións previas de UVigo SpaceLab con UARX Space, e confirma a relevancia das sinerxías entre os ámbitos académico e empresarial no sector espacial. A posición de Galicia como referente emerxente en innovación aeroespacial vese reforzada, e representa unha aposta decidida polo desenvolvemento tecnolóxico, a formación de talento e a proxección internacional de solucións espaciais de alto valor engadido.

Máis información

Duvi

Relacionada:
UVigo SpaceLab presenta o proxecto de observación espacial CORTIS