UVigo SpaceLab presentou a misión espacial BIXO no Consorcio da Zona Franca

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo SpaceLab presentou a misión espacial BIXO no Consorcio da Zona Franca
Representantes do equipo este martes en Zona Franca co delegado, David Regades

Imaxe: representantes do equipo na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo co delegado, David Regades (Duvi)

UVigo SpaceLab presentou a misión espacial BIXO no Consorcio da Zona Franca

A asociación continúa a preparar a súa quinta misión espacial

A asociación estudantil UVigo SpaceLab, que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, acudiu a pasada semana á delegación do Consorcio da Zona Franca de Vigo para dar a coñecer os últimos detalles da súa misión biolóxica espacial BIXO. Alí, foi recibida polo delegado David Regades, quen coñeceu de primeira man os pormenores deste programa desenvolvido ao amparo do programa Fly your satellite! Design Booster, unha iniciativa na que a Axencia Espacial Europea (ESA) brinda o seu apoio aos mellores proxectos de pico e nanosatélites feitos por estudantes de universidades de 27 países.

Na sede da Zona Franca estiveron a responsable de organización e marketing, Estela Lima; o líder técnico e responsable de electrónica, Guillermo Calvo; a coordinadora do departamento de bioloxía, Iliana Durán, e o coordinador de software, Víctor Iglesias.

Anos de traballo

Durante a reunión Regades coñeceu o diverso material deseñado por UVigo SpaceLab grazas ao asesoramento recibido no marco do mencionado programa de deseño de nanosatélites da ESA e ao apoio  de diversas empresas e institucións. É o caso do terceiro prototipo da estrutura do satélite, deseñado polo propio equipo do SpaceLab e fabricado pola empresa viguesa Precisgal. Esta terceira iteración incorpora as melloras definidas na segunda versión no relativo a apertes e acabados, ademais de incorporar o switch, mecanismo que permitirá manter o dispositivo apagado ata o despregamento en órbita. Tamén se presentou o deseño final da antena de parche de banda S, un deseño do equipo fabricado por Star Electrónica e que foi probado na sala anecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Irá a bordo do satélite e permitirá unha alta taxa de descarga de información cando estea en órbita.

Tamén se presentou un prototipo avanzado do sistema microfluídico, ensamblado co hardware de medición do experimento biolóxico. Explicáronse as últimas probas levadas a cabo para a integración do liófilo da bacteria. Finalmente, presentouse o FlatSat, unha placa basee fabricada por Star Electrónica e deseñada polo equipo para probar de forma segura os subsistemas comerciais TOTEM e TRISKEL de Alén Space e o picoEPS de DHV Technology.

BIXO será lanzado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento (CSAC) a bordo dun foguete Longa Marcha ou Smart Dragon Series, oportunidade que xurdiu tras gañar o primeiro posto no Space Universities CubeSat Challenge (SUCC). Durante a participación de UVigo SpaceLAB no IAC 2024 celebrouse unha xuntanza onde se coñeceron máis detalles deste procedemento. Na actualidade, estase a traballar xunto co lanzador para coñecer os requisitos que BIXO deberá cumprir, e espérase que poida realizarse ao longo de 2025.

Máis información

Duvi
BIXO
Zona Franca de Vigo
Programa Fly your satellite! Design Booster
Space Universities CubeSat Challenge