Imaxe: os integrantes de UVigo SpaceLab con chaqueta vermella de esquerda a dereita, Alejandro García, Daniel Collarte e Guillermo Calvo (Duvi)
UVigo SpaceLab renova o apoio de Zona Franca ao proxecto BIXO
Estudará os efectos da exposición prolongada ao ambiente espacial en organismos vivos
BIXO, Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit, misión desenvolvida por UVigo SpaceLab, afronta os seus próximos fitos antes do seu lanzamento ao espazo: o desenvolvemento dun estudo estatístico de sensores de radiación, a proba e validación da cámara que o satélite levará a bordo para enviar información á Terra, a montaxe da estación terrea e a ensamblaxe e preparación do lanzamento desde China.
Traballan en BIXO, proxecto iniciado hai case cinco anos, uns cincuenta estudantes. O obxectivo é pór en órbita un satélite tipo CubeSat de dúas unidades cunha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteriana.
O pasado venres unha representación de UVigo SpaceLab reuniuse co delegado Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, para trasladarlle os avances e as próximas accións a desenvolver no proxecto. O lanzamento correrá a cargo da Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento (CSAC) a bordo dun foguete Longa Marcha ou Smart Dragon Series, logo que UVigo SpaceLab gañase o primeiro posto no Space Universities CubeSat Challenge (SUCC), organizado xuntamente coa Federación Internacional de Astronáutica (IAF).
“Canteira asegurada”
Á xuntanza na Zona Franca asistiron, por parte de UVigo SpaceLab, Guillermo Calvo, presidente e director técnico do proxecto, e Daniel Collarte e Alejandro García, en representación do alumnado que neste momento integra o equipo. Lembraron que esta misión espacial biolóxica porá en órbita un cultivo de bacterias almacenadas en tarxetas microfluídicas nunha cámara presurizada. Deste xeito estudaranse os efectos da exposición prolongada ao ambiente espacial en organismos vivos.
Regades eloxiou o traballo que está a desenvolver UVigo SpaceLab, cuxos integrantes, afirmou, “seguen a demostrar o seu enorme talento, innovación, vocación por la investigación e a súa capacidade de traballo en equipo”. Falou dunha canteira que está “asegurada” “grazas á excelencia da Universidade de Vigo, que segue a ser unha referencia”. Aproveitou para adiantar que o Consorcio da Zona Franca de Vigo renovará o seu apoio ao proxecto.
Un cubesat 2U con asesoramento da Axencia Espacial Europea
BIXO é o satélite máis pequeno que se quere pór en órbita con este tipo de cargas biolóxicas, xa que ata o de agora a NASA e o resto de axencias que desenvolveron satélites deste tipo fixérono cun tamaño maior, formato cubesat 3U (30x10x10 cm) e desde UVigo SpaceLab farano en 2U (20x10x10 cm), o que supón un reto adicional. Taballará a 440 km da Terra enviando información e imaxes.
A misión BIXO ten soporte de expertos da Axencia Espacial Europea (ESA), pois en 2022 foi un dos proxectos CubeSat seleccionados no programa Fly Your Satellite! Design Booster.
Máis información



