Vigo acolleu o 11º Workshop Español sobre Procesamento de Sinal, Teoría da Información e Comunicacións

Vigo TecnolóxicoActualidadeVigo acolleu o 11º Workshop Español sobre Procesamento de Sinal, Teoría da Información e Comunicacións
Foto de familia do Workshop Español sobre Procesamento de Sinal, Teoría da Información e Comunicacións

Vigo acolleu o 11º Workshop Español sobre Procesamento de Sinal, Teoría da Información e Comunicacións

É parte da Rede de Excelencia Comonsens, á que pertence a UVigo

Vigo foi a sede esta semana do 11th Spain Workshop on Signal Processing, Information Theory and Communications (SIC’25),  un encontro de referencia a nivel estatal no ámbito das TIC. Está centrado nos avances en procesamento de sinal, algoritmos de aprendizaxe e teoría da información e das comunicacións. Tamén nas súas aplicacións prácticas en contornas reais.

O seu amplo programa técnico incluíu sesións paralelas de networking vencelladas ás actividades da Rede de excelencia Comonsens, que financia o encontro. Estas actividades celébranse ao longo de toda a semana na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, e permiten afondar na colaboración entre grupos de investigación e facilitar a transferencia de coñecemento.

Esta edición estivo organizada polo centro de investigación de tecnoloxías da telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, e está subvencionada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e pola Axencia Estatal de Investigación. Conta co apoio do programa de actividades de I+D IDEA-CM da Comunidade de Madrid, a través da Dirección Xeral de Investigación e Innovación Tecnolóxica.

Favorecendo establecer contacto entre o persoal investigador

O comité organizador está composto por Roberto López Valcarce, investigador do Grupo de procesado de sinal en comunicacións de atlanTTic, e por Joaquín Míguez Arenas e Matilde Sánchez Fernández, da Universidad Carlos III de Madrid, e Sara Pérez Vieites, da University of Aalto. Desde este comité salientan a importancia deste tipo de eventos para establecer novas relacións entre as persoas que se dedican á investigación, sobre todo aquelas en período de formación. Mencionan tamén o orgullo de acoller figuras de renome internacional nos seus ámbitos de coñecemento,  ademais con algúns relatores que desenvolveron as súas etapas iniciais no propio atlanTTic.

O programa do workshop incluíu conferencias a cargo de figuras internacionais como Robert Heath (University of California, San Diego), que abordou a arquitectura MIMO híbrida para redes 6G; Jana de Wiljes (Ilmenau University of Technology, Alemaña), que falou sobre a estabilidade a longo prazo de filtros gaussianos; Daniel Romero (University of Agder, Noruega), cun relatorio sobre o uso de redes transformer para a estimación de campos espaciais. Na seguinte xornada Gonzalo Mateos (University of Rochester) ofreceu un seminario sobre técnicas de incrustación espectral en grafos, mentres que Nuria González-Prelcic (University of California, San Diego), centrouse na integración de capacidades de sensado e comunicación nas futuras redes sen fíos.

Rede estatal de referencia

O workshop SIC’25 é parte das actividades da Rede de Excelencia Comonsens, unha iniciativa de colaboración científica que reúne 15 universidades españolas co obxectivo de avanzar no coñecemento e desenvolvemento de técnicas innovadoras en procesamento de sinal, teoría da información e aprendizaxe automática (machine learning). A rede céntrase en ámbitos estratéxicos como as redes 6G, a Internet das Cousas (IoT), as tecnoloxías cuánticas, os sistemas de comunicación e sensado integrados e os bancos de probas sen fíos (testbeds).

A rede está coordinada pola Universidad Carlos III de Madrid. Conta coa participación de institucións como as universidades de Vigo, A Coruña, Granada, Politècnica de València, Autònoma de Barcelona ou Navarra, entre outras.

Máis información

Duvi