Imaxe: Laura Docío, Carmen García Mateo e José Manuel Ramírez Sánchez, investigador principal do estudo. VisIA-Q (Duvi)
VisIA-Q, novo recurso para avanzar na investigación sobre saúde mental na adolescencia
Contou coa participación de persoal investigador dos grupos GTM e GIST de atlanTTic
Un equipo de investigación de atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías da telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, participou no desenvolvemento de VisIA-Q: A cross-sectional psychometric and demographic dataset of adolescents at high-risk for suicide, “Un conxunto de datos transversais, psicométricos e demográficos de adolescentes con alto risco de suicidio”. O proxecto reúne información demográfica e psicométrica de máis de 200 adolescentes de entre 12 e 17 anos, e conta coa participación dos servizos de Psiquiatría dos hospitais de Ourense e Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Achega un recurso de investigación para estudar a saúde mental na adolescencia e avanzar no desenvolvemento de ferramentas de detección temperá.
A información recompilada pertence a tres grupos de adolescentes: mozos e mozas que atravesaron unha crise suicida recentemente, pacientes que recibiron atención en servizos de Psiquiatría por outros motivos e adolescentes sen antecedentes coñecidos. Para a súa elaboración empregáronse sete instrumentos psicométricos validados, que permiten dispoñer tanto das respostas individuais aos distintos ítems como das puntuacións globais das probas. A avaliación abrangue ideas suicidas, problemas xerais de saúde mental, síntomas depresivos, acoso escolar, ciberacoso e uso problemático de Internet. Deste xeito, constitúese un valioso recurso para que persoas que investigan nos ámbitos da psiquiatría, psicoloxía, estatística e aprendizaxe automática estuden os factores psicolóxicos vinculados ás tendencias suicidas en adolescentes e desenvolvan modelos de predición para a avaliación do risco.
Todas as garantías na recollida e tratamento de datos
A elaboración de VisIA-Q contou coa participación de persoal investigador de atlanTTic, que colaborou na conceptualización e no deseño metodolóxico, no desenvolvemento do software de captura e seguridade e no procesamento e anonimización da información. Integran este equipo José Manuel Ramírez Sánchez, investigador principal do estudo, Carmen García Mateo e Laura Docío Fernández, do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) e Manuel José Fernández Iglesias e Mario Manso Vázquez, do Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (GIST).
Unha das súas principais contribucións foi o deseño dunha infraestrutura tecnolóxica que garanta a seguridade da información ao longo de todo o proceso, da recollida ao tratamento dos datos. Para iso, desenvolveron un software específico e adaptaron os dispositivos de captura, cámaras e ordenadores portátiles, de xeito que os datos non se puidesen extraer dos equipos. Os soportes de almacenamento incorporan un sistema de dobre cifrado, mediante contrasinal e chave física.
O equipo menciona o deseño da infraestrutura para recoller os datos con total seguridade, conforme ao Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) e aos requisitos do Comité de Ética da Investigación de Galicia, e o procesado, depuración e extracción de información dos datos procedentes dos profesionais médicos. Ademais, definiron o procedemento de anonimización das 207 persoas participantes. Pola súa banda, a coordinación na recollida de información clínica e recrutamento de participantes correu a cargo do psiquiatra Alejandro García Caballero.
Colaboración entre persoal investigador para mellorar os recursos dispoñibles
Este proxecto permite analizar conxuntamente a posible relación entre diferentes factores psicolóxicos e comparar os resultados de adolescentes con perfís clínicos distintos. Ademais, a dispoñibilidade das respostas individuais permite ter unha base de referencia para estudar os factores asociados ao risco, e poder desenvolver modelos de aprendizaxe automática orientados ao cribado psicométrico.
Cobre unha carencia dos recursos dispoñibles ata agora, pois moitos dos datos que xa había procedían de persoas adultas ou de información extraída de redes sociais, sen validación clínica. Non obstante, citan como limitacións a ter en conta o tamaño da mostra, a composición dos grupos ou o carácter transversal do estudo, que só ofrece información dun momento concreto, co que non se pode avaliar a evolución ao longo do tempo. Ademais, o grupo de alto risco presenta un predominio de participantes mulleres (88,37%).
O traballo é froito da colaboración entre investigadores de atlanTTic e profesionais dos servizos de Psiquiatría dos hospitais de Ourense e Vigo e do IIS Galicia Sur. Esta cooperación permitiu combinar a experiencia clínica dos equipos sanitarios coa capacidade tecnolóxica e investigadora do ámbito das telecomunicacións e o tratamento da información. De cara ao futuro, o equipo, que valora o traballo conxunto como clave do éxito da publicación, traballa no desenvolvemento e perfeccionamento de modelos de intelixencia artificial para o cribado emocional na adolescencia.
Máis información



