Imaxe: a investigadora Xanel Vecino Bello no laboratorio (Duvi)
Xanel Vecino, do CINTECX, consegue unha axuda estatal de Consolidación Investigadora en Tecnoloxías Medioambientais
É unha das tres axudas concedidas a nivel estatal
A investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) Xanel Vecino Bello vén de conseguir unha das tres axudas conseguidas a nivel nacional na área de Tecnoloxías Medioambientais na convocatoria de Consolidación Investigadora 2025 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A iniciativa dedicou este ano 25 millóns de euros a consolidar a carreira investigadora de 130 persoas de todo o estado.
O importe da axuda concedida a Xanel Vecino ascende a 199 595 € e vai destinada a desenvolver ao longo de dous anos o proxecto Procesos de electromembrana para a recuperación de biosurfactantes derivados do millo (Ecombios), cuxo obxectivo é crear tecnoloxías sostibles de recuperación de biosurfactantes a partir de residuos da industria do millo, liña de investigación na que Vecino leva anos traballando.
Vecino valora a consecución desta axuda como “un importante impulso” para a súa investigación. É, ademais, unha convocatoria moi competitiva, na que esta é a primeira solicitude acadada pola UVigo das nove realizadas.
Transformar un residuo nun recurso de alto valor engadido
Emcobios pretende desenvolver e validar procesos innovadores baseados en tecnoloxías de membrana, especialmente electrodiálise a escala piloto, para recuperar biosurfactantes presentes nas augas de lavado de millo (CSW), un subproduto líquido xerado pola industria deste cereal.
Os biosurfactantes son compostos de orixe biolóxica que poden empregarse como alternativa máis sostible aos tensioactivos convencionais empregados en moitos sectores industriais. Porén, a súa obtención e recuperación aínda presenta importantes retos tecnolóxicos, que precisamente este proxecto quere abordar mediante o uso de sistemas de separación máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.
Os métodos tradicionais están frecuentemente baseados no emprego de disolventes químicos, mentres que Ecombios opta por tecnoloxías de membrana capaces de separar e concentrar compostos de interese. Deste xeito redúcese o consumo enerxético e evítase o emprego de substancias tóxicas. Entre estas tecnoloxías destaca a electrodiálise, que ofrece unha alta selectividade iónica e que, ademais de recuperar biosurfactantes, permite valorizar outros compostos presentes, coma os ácidos orgánicos.
Vecino é a investigadora principal dun proxecto que contará coa colaboración do resto do persoal investigador do grupo de Enxeñaría Química 10 do CINTECX e da Universitat Politècnica de Catalunya.
Sustentabilidade e transferencia
A investigación ten ademais un vínculo estreito con varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), pois promove produtos máis sostibles e biocompatibles, favorece unha xestión máis eficiente da auga, impulsa a innovación nos procesos industriais, fomenta modelos de produción responsables e contribúe á mitigación do cambio climático.
Alén dos avances científicos, Emcobios busca facilitar a transferencia de coñecemento cara ao tecido produtivo. Así, a posta en marcha destas tecnoloxías permitirá xerar solucións aplicables en sectores como o agroquímico ou o cosmético, con produtos biotecnolóxicos máis respectuosos co medio ambiente. O proxecto aspira a converter un residuo agroindustrial nunha fonte de compostos de alto valor engadido, avanzando cara a modelos produtivos baseados na economía circular e no aproveitamento eficiente de recursos.
Máis información



