Xeoinformación e enxeñaría intelixente reúnense na EEI

Vigo TecnolóxicoActualidadeXeoinformación e enxeñaría intelixente reúnense na EEI
Inauguración da 3D GeoInfo Conference e do International Workshop on Intelligent Computing in Engineering

Na imaxe: Lucía Díaz Vilarño (no atril) e José Fariña Rodríguez e Belén Rubio Armesto (na mesa) durante o acto de inauguración. (Duvi)

Xeoinformación e enxeñaría intelixente reúnense na EEI

Dous congresos teñen lugar conxuntamente na sede cidade

A 19th International 3D GeoInfo Conference 2024 e o 31st EG-ICE International Workshop on Intelligent Computing in Engineering celébranse desde onte ata o vindeiro venres na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial (rúa Torrecedeira, 86). Ambos os dous encontros organízanse conxuntamente e por vez primeira en España. Foi o grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo (XeoTech) o que recibiu o convite para realizar estes eventos, tras anos participando e realizando achegas nelas.

Xeoinformación e interacción entre computación e enxeñaría

Dunha banda, o 3D GeoInfo Conference reúne persoas do mundo da investigación e profesionais da academia, industria e gobernamentais do campo da xeoinformación. Trátase dun foro no que porán en común os últimos avances en recompilación de datos 3D e 4D, manexo, calidade de datos, análise, modelaxe avanzada e visualización, con énfase na investigación de vangarda, estandarización, posta en marcha e atrancos na aplicación entre diferentes disciplinas. Desenvólvese, ao igual cas edicións precedentes, nun ambiente colaborativo para a aprendizaxe, a discusión e o intercambio de ideas.

Doutra banda, o EG-ICE International Workshop on Intelligent Computing in Engineering achega a profesionais que afrontan os desafíos das interfaces entre computación avanzada e enxeñaría moderna. Moitas accións de enxeñaría requiren unha resolución aberta dos desafíos, como colaboración entre diversos actores, proporcionar interacción efectiva entre profesional da enxeñaría e máquina, busca en solucións espaciais multidimensionais ou manexarse cun grao de coñecemento incompleto.  Se ben os resultados proporcionados pola computación achegan un gran apoio inicial para a resolución de problemas, é fundamental a adaptación e que a comunicación entre computación e enxeñaría sexa bidireccional.

Así, o taller pretende ser un evento centrado en definir os aspectos estratéxicos da interacción da computación cos desafíos da enxeñaría, que involucra a diversos ámbitos, como son os procesos de automatización e robótica, sistemas de monitorización e control, sistemas BIM, xestión da construción, sustentatibilidade e resiliencia e análise do ciclo de vida de procesos e produtos.

“Joint Conference” para poñer en valor o traballo realizado

“En ambos os dous casos, a idea de organizalos en Vigo veu dada polos Advisory Board, tanto do 3D GeoInfo, como do EG-ICE. Debido a que existe unha gran sinerxía entre as investigacións que se presentan, tanto nun evento, coma no noutro, consideramos de grande interese organizalos como unha Joint Conference”, explica a docente e investigadora de CINTECX Lucía Díaz Vilariño, que sinala que “para a UVigo é unha boa oportunidade de gañar visibilidade e poñer en valor o noso traballo”.

A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio, e o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña, xunto a Lucía Díaz, foron os encargados na mañá de onte de inaugurar os congresos. As sesións comezaron coa intervención de H.C.(Jeroen) Borst, xerente do Cluster Societal Impact for Accessibility and Liveability at Netherlands Organization for Applied Research (TNO), titulada Digital Twins for Liveable and Resilient Cities.

Máis información

Duvi

3D GeoInfo & EG-ICE 2024