A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo veñen de asinar un convenio que ten por obxectivo impulsar e potenciar o desenvolvemento do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). O documento, que reforza a parte xurídica e de xestión do IISGS e renova o anterior acordo, senta as bases da nova política de investigación, ademais de adaptar as estruturas e os obxectivos á realidade científica actual e futura. A sinatura tivo lugar na mañá do luns 19 no Hospital Álvaro Cunqueiro, contando coa presenza do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, como representante da Fundación Biomédica Galicia Sur.
O novo convenio recolle as infraestruturas que achega cada un dos asinantes para traballar en prol dese obxectivo. Neste sentido, o Sergas ofrece unidades de Microscopía, Xenómica, Cultivo Celular, Metodoloxía e Estatística, así como o Biobanco e laboratorios. Pola súa banda, a Universidade de Vigo achega as instalacións tanto do Cacti como do Cinbio, mentres que a Fundación Biomédica Galicia Sur achega todo o persoal e traballo de xestión.
A ratificación do convenio, que ten unha vixencia de catro anos, supón un paso decisivo para encarar a recta final da acreditación do IISGS por parte do Instituto de Salud Carlos III, un obxectivo perseguido desde hai anos.
Fonte: DUVI.