A Olimpíada da Enerxía volve reforzada

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Olimpíada da Enerxía volve reforzada
Instante dunha das probas da II Olimpíada da Enerxía

Imaxe: un instante dunha das probas (Duvi)

A Olimpíada da Enerxía volve reforzada

É unha iniciativa da EEME dirixida ao alumnado preuniversitario

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolleu no día de onte a segunda edición da Olimpíada da Enerxía, iniciativa que pretende ampliar o coñecemento e a comprensión da ciencia e a tecnoloxía do alumnado preuniversitario de Galicia. Para ese propósito traballa contidos de disciplinas STEM relacionadas co sector enerxético, con ámbitos coma recursos enerxéticos, xeración e distribución de enerxía ou aproveitamento eficiente.

Así, tomaron parte nesta actividade 70 estudantes de centros educativos de ensino medio de toda Galicia: proceden do IES Lagoa da Antela de Xinzo de Limia, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, SEK Atlántico de Pontevedra, IES Río Cabe de Monforte de Lemos e do IES do Castro de Vigo. Na súa benvida estivo a directora da EEME, Elena Alonso Prieto, que coordina o proxecto. Foi o punto de partida dun programa de actividades que se estendeu ata as 17:30 h e que culminou coa entrega de premios.

Tomando conciencia sobre a importancia do sector enerxético

Realizáronse cinco probas, tanto individuais como por equipos, e tanto obrigatorias coma optativas. Todas destinadas a aprender divertíndose, a un tempo que espertar no alumnado participante a curiosidade e o interese sobre temas enerxéticos, para tomar consciencia da importancia que estes teñen na calidade de vida das persoas.

Ademais dunha proba teórica tipo test, participaron en “mulleres enerxéticas”, para pór en valor os roles femininos no sector; “fake news”, para combater a desinformación; unha proba de divulgación científica, na que tiñan que explicar como funciona unha central hidroeléctrica ou unha planta solar fotovoltaica; ou nunha proba de debate, que se centrou na enerxía nuclear e a transición enerxética.

Raquel Pérez Orozco, subdirectora de Divulgación Científica e Captación da escola e integrante do comité organizador das olimpíadas, explica que fóra da competición formal e en horario de tarde organizaron unha xincana enerxética, na que participaron equipos mixtos compostos por estudantes de diferentes centros de ESO e bacharelato.

Entrega de premios

Na entrega de premios participaron a directora da EEME e coordinadora do proxecto, Elena Alonso Prieto, e a profesora Raquel Pérez Orozco, ademais de representantes das entidades patrocinadoras: Naturgy SL, o Colegio de Ingenieros de Minas del Noroeste e o Consello Social da Universidade de Vigo.

Entregáronse premios ás mellores clasificacións en cada proba (catro premios de equipo e un premio individual), un primeiro e segundo premio individuais aos mellores alumnos e alumnas de 4º de ESO e os premios “Enerxéticas” ás dúas alumnas mellor clasificadas. Os centros mellor clasificados obtiveron o primeiro e segundo premio COIMNE (con 600 e 300 euros de dotación económica, respectivamente) e o primeiro e segundo premio Naturgy, consistente nunha visita a unha instalación de enerxías renovables desta empresa. Foron o IES Lagoa de Antena, de Xinzo de Limia (primeiro posto) e o IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela (segundo clasificado).

Máis información

Duvi