Entregados os sextos premios GirlGeekPower

Vigo TecnolóxicoActualidadeEntregados os sextos premios GirlGeekPower
Entrega dos premios GirlGeekPower 2024-2025

Imaxe: entrega dos premios GirlGeekPower 2024/2025 (Duvi)

Entregados os sextos premios GirlGeekPower

A Cátedra de Feminismos 4.0 segue poñendo en valor os mellores expedientes STEM

Unha vez máis a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra renovan o seu compromiso coa igualdade: acaban de facer entrega dos sextos premios GirlGeekPower, iniciativa ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 asinada por ambas as dúas institucións. Busca pór en valor as traxectorias de alumnas que sobresaen en titulacións STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics, ou Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), aquelas dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, nas que a presenza feminina segue a ser notablemente inferior.

O acto celebrouse na sede viguesa da institución provincial. Participaron a vicepresidenta do organismo provincial, Luisa Sánchez; a deputada responsable de Igualdade, Paula Bouzós, e da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez Castro. Rodríguez Castro sinalou que, ademais dun recoñecemento ás estudantes, estes premios representan un compromiso firme coa igualdade real das dúas institucións, ademais de ser unha aposta de futuro para axudar ás estudantes desta rama de coñecemento.

Luisa Sánchez salientou o papel das premiadas como referentes reais de “que lideran, innovan e transforman o mundo desde a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría ou as matemáticas”.

Premiadas da sexta edición

Os premios do curso 2024/2025, dotados con 2000 euros cada un, foron para Sabela González Alcántara, en Ciencias, e Lucía Gómez Barros, en Enxeñaría e Arquitectura. Recibiron os accésits, dotados con 1000 euros, Sofía Fernández Cabo (Ciencias) e Adriana Pazos Lorenzo (Enxeñaría).

A responsable da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro, recoñeceu o talento, a dedicación, o esforzo e a valentía de todas as premiadas.

Catro perfís que abren camiños

Sabela González Alcántara, primeiro premio na rama de Ciencias, recoñeceu a importancia das referencias femininas, que aínda son pouco visibles en certos campos. Destacou a Vera Rubin e, ao igual ca ela, salientou a curiosidade que tivo desde nena polo mundo e a súa conexión coa natureza, o que espertou o seu desexo de dedicarse á investigación. Recoñeceu o que supuxo para a súa vocación coñecer o traballo de Lynn Margulis, primeira doutora honoris causa da UVigo, e a partir de aí descubrir outras figuras femininas e as súas achegas, que foron fundamentais para animala a pensar que ela tamén podía ter un lugar no laboratorio.

Lucía Gómez Barros, premiada en Enxeñaría, salientou o acompañamento da súa nai á hora de desenvolver a súa curiosidade, así como a súa experiencia, xunto a unha amiga, de seren as únicas mozas na súa aula de Bacharelato Tecnolóxico.

A curiosidade por saber como funciona o mundo conduciu a Adriana Pazos Lorenzo a estudar Enxeñaría de Telecomunicación, titulación que lle permitiu desenvolver habilidades e valores como a capacidade de organización e resolución de problemas, o valor do traballo en equipo, a importancia de formar grupos de traballo con perspectivas diversas ou a constancia.

Sofía Fernández Cabo tamén fixo referencia á curiosidade, neste caso, cara o corpo humano. Desde a Fisioterapia atopou unha oportunidade para aplicar solucións concretas traballando directamente con persoas, deseñando intervencións individualizadas que melloran o seu benestar. Coincidiu coas súas compañeiras en que aínda existen estereotipos de xénero e desigualdades que afectan de xeito distinto ás carreiras de mulleres e homes, pero que, ao final, funcionaron como acicate para ser rigorosa no traballo e implicarse activamente en actividades para dar visibilidade e recoñecemento a mulleres nas STEM.

Máis información

Duvi