Explorando o potencial da IA xerativa en galego en docencia e investigación
Unha xornada ofrecerá ao profesorado recursos para integrar esta ferramenta na docencia en lingua galega
O vindeiro martes 21 de abril expertos e expertas de eidos como a filoloxía, a lingüística, as tecnoloxías da fala ou a didáctica reuniranse para ofrecer ao profesorado referencias e orientacións prácticas para integrar ferramentas de IA xerativa na docencia e na investigación universitaria en lingua galega. Será no edificio Redeiras a partir das 17:15 no marco da xornada “A IA xerativa tamén en galego. Dereitos e boas prácticas para a docencia tecnolóxica”. É unha proposta artellada polo catedrático do Departamento de Enxeñaría telemática e investigador de atlanTTic Manuel Caeiro e o profesor de Filoloxía galega e latina e director da Área de Normalización Lingüística da UVigo (ANL) Benigno Fernández Salgado.
Está dirixida principalmente ao profesorado universitario e ao persoal investigador das áreas técnicas, en especial dos ámbitos da enxeñaría, informática, telecomunicación e humanidades dixitais con interese por incorporar a intelixencia artificial xerativa á súa práctica docente e investigadora e facelo en galego. Pode ser tamén de proveito para profesorado de educación secundaria e bacharelato das materias científico-tecnolóxicas con interese por explorar o uso da IA e dispoñer de recursos para empregar terminoloxía técnica en galego.
O prazo de inscrición para asistir a este seminario está aberto ata o día 16 de abril a través do correo lingua2@gmail.com, indicando nome, apelidos, DNI e colectivo (docente, investigador, alumno/a, outros).
Dúas mesas redondas
A inauguración correrá a cargo de Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e de Benigno Fernández Salgado, director da Área de Normalización Lingüística. Seguidamente terá lugar unha mesa redonda sobre recursos lingüísticos e terminolóxicos para a docencia en galego no ámbito tecnolóxico. Nela tratarase o papel da lingua galega no ámbito tecnolóxico nun contexto marcado polo rápido desenvolvemento da intelixencia artificial. Participarán Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela e director de Termigal; Adina Ioana Vladu, do Instituto da Lingua Galega da USC e investigadora posdoutoral en lingüística, recursos lingüísticos e tecnoloxías da fala e membro do proxecto Nós; e Iolanda Galanes, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo.
A segunda mesa redonda tratará sobre a IA xerativa e a práctica académica no ámbito tecnolóxico, coa participación do catedrático da UVigo e coorganizador da xornada Manuel Caeiro; da catedrática do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da UVigo Margarita Pino Juste; e da profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña Andrea Fernández Sánchez. Compartirán experiencias e recomendacións para integrar a IA no traballo académico, por exemplo na elaboración de materiais docentes ou no apoio á aprendizaxe e á investigación. Ao mesmo tempo, prestarán atención aos retos pedagóxicos, éticos e metodolóxicos que supón o seu uso nas áreas tecnolóxicas.
Clausurarán a cita Susana Reboreda Morillo, vicerreitora de Extensión Universitaria, e o profesor Caeiro, que ademais exerce de enlace de galeguización da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Máis información



