Facendo Plus supera o seu ecuador tras investir 13,8 millóns de euros e rexistrar 12 patentes

Vigo TecnolóxicoActualidadeFacendo Plus supera o seu ecuador tras investir 13,8 millóns de euros e rexistrar 12 patentes
Facendo Plus supera o seu ecuador tras investir 13,8 millóns de euros e rexistrar 12 patentes

Imaxe: Duvi

Facendo Plus supera o seu ecuador tras investir 13,8 millóns de euros e rexistrar 12 patentes

Con máis dun cento de accións postas en marcha desde 2023, xa se executou o 72% do orzamento

Os socios participantes no proxecto Facendo Plus, Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital Plus, presentaron este mércores na planta de Stellantis Vigo o estado de avance do proxecto, uns datos que sitúan a cifra total de investimento en 13,8 millóns de euros e que dan conta da posta en marcha de máis dun cento de accións e o rexistro de 12 patentes.

Liderado por Stellantis Vigo e cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco da quinta convocatoria de axudas do Programa Fábrica Intelixente e Sustentable, Facendo Plus está a ser desenvolto por un consorcio de nove socios dos que forman parte a propia Universidade de Vigo, os centros tecnolóxicos CTAG, Aimen, EnergyLab e Gradiant, e as pemes Unimate, SFC Solutions, Probotec e Merasys.

Un acto para reivindicar a importancia da innovación galega

Todos eles coincidiron en reivindicar na presentación a importancia da innovación levada a cabo en Galicia co obxectivo de mellorar os procesos e a competitividade do sector. De feito, “moitos proxectos xa están sendo copiados por outras plantas do grupo”,  explicou o director da factoría viguesa do grupo automovilístico Stellantis, José Luis Mosquera, quen fixo fincapé en que a idea é extrapolar as innovacións obtidas a outras factorías do consorcio, ao igual que acontece con outros moitos proxectos que xa se aplican en Vigo e que están a ser copiados e analizados para poder implantarse noutras fábricas.

Por parte da Universidade de Vigo acudiu á presentación a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen subliñou a importancia de traballar “xuntos” para ser “máis fortes”.

Sobre a importancia da competitividade falou tamén a conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana, quen aproveitou a súa presenza neste acto para confirmar que a Xunta continuará a apoiar programas de innovación que permitan que a industria galega avance, non só no eido da automoción, senón tamén noutros ámbitos como o aeroespacial ou a defensa.

270 profesionais e 327.000 horas de investigación

Segundo se explicou na presentación, Facendo Plus involucra a 270 técnicos/as e investigadores de diferentes ámbitos. Eles e elas son os profesionais que están detrás das 108 accións executadas ou en curso relacionadas coas diferentes liñas de traballo: Fábrica do Futuro, Vehículo do Futuro, Conectividade e Infraestrutura IT e Sustentabilidade, computándose en total unha cifra estimada de 327.000 horas de investigación. Así mesmo explicouse tamén que  os investimentos realizados —13,8 millóns de euros, dos 19 millóns previstos no proxecto—, supoñen o 72% do orzamento do proxecto.

O proxecto concluirá en pouco máis dun ano

O obxectivo de Facendo Plus é avanzar na competitividade industrial e impulsar a cadea de valor no sector de automoción de Galicia, a través da investigación industrial e o desenvolvemento experimental, involucrando a centros de coñecemento, pemes e Universidade baixo o liderado de Stellantis Vigo. As innovacións desenvolvidas desde que se iniciou o proxecto, en 2023, deron lugar a 12 patentes rexistradas, e desencadearon avances que crean contido para novas convocatorias. Cun período de execución de 36 meses, esta edición do programa concluirá en setembro de 2026.

Noticia orixinal no Duvi

Máis información sobre Facendo Plus