Indra e a UVigo continúan a estreitar lazos para o fomento do emprego tecnolóxico en Galicia

Vigo TecnolóxicoActualidadeIndra e a UVigo continúan a estreitar lazos para o fomento do emprego tecnolóxico en Galicia
Foto de familia das e dos participantes na xornada de presentación do plan de Indra para Galicia

Imaxe: foto de familia das e dos participantes na xornada (Duvi)

Indra e a UVigo continúan a estreitar lazos para o fomento do emprego tecnolóxico en Galicia

A empresa presentou o seu plan de crecemento na comunidade

Natalia Caparrini Marín, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, e Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, participaron o pasado venres en Vigo na presentación do Plan de crecemento e atracción de talento en Galicia da empresa Indra. O evento reuniu representantes institucionais, académicos e empresariais co obxectivo de reforzar o ecosistema tecnolóxico galego.

As persoas asistentes coincidiron na posta en valor do compromiso de Indra con Galicia como territorio estratéxico para o desenvolvemento de capacidades tecnolóxicas avanzadas, especialmente en ámbitos como defensa, vixilancia electrónica, mando e control e innovación industrial.

Coordinación entre universidade, empresa e territorio

Caparrini salientou o papel da UVigo como axente clave no ecosistema de innovación, destacando a súa achega na formación de talento, e tamén na investigación e na transferencia. Puxo en valor a colaboración con Indra como exemplo real de conexión entre universidade de empresa. Colaboración que terá impacto no desenvolvemento tecnolóxico, o emprego cualificado e a retención de talento en Galicia. A UVigo comprométese, ademais, a seguir sendo un axente activo neste proceso.

A vicerreitora sinalou que a universidade non ofrece unicamente talento, senón tamén “investigación e capacidade de transferencia, elementos clave para acompañar ás empresas nos seus procesos de innovación e desenvolvemento”. Puxo tamén de relevo a importancia de que universidade, empresa e territorio traballen de forma coordinada para xerar resultados: emprego cualificado, innovación e desenvolvemento e retención de talento.

Aposta polo talento da escola viguesa

Pola súa parte, Rebeca P. Díaz Redondo subliñou os fortes vínculos de Indra coa UVigo, exemplificados pola Cátedra Indra-Universidade de Vigo. Participou, ademais nunha mesa redonda sobre oportunidades e desenvolvemento profesional. Nela estivo acompañada pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, Zeltia Lado; a directora da Área de Captación de Talento en Indra Group, Nana Silles, e o xerente de Área e Relación coas Universidades e Cátedras en Indra Group, Jesús Ángel Sánchez.

Díaz Redondo amosouse satisfeita por ver como empresas importantes do ámbito das telecomunicacións e a ciberseguridade apostan polo talento que se forma na escola que ela dirixe. Puxo en valor que, ademais da Cátedra Indra, a empresa patrocina tamén distintas actividades para o alumnado preuniversitario organizadas na EET, coma as Olimpíadas de Teleco ou a xornada “Elas Fan TIC”.

A directora xeral de Recursos Humanos de Indra Group, María del Carmen Moneva, aproveitou o acto para anunciar que a empresa planea incrementar este 2026 o seu persoal en Galicia en 170 perfís de alta capacitación tecnolóxica. Na actualidade, máis de 1.680 profesionais traballan nos seus 14 centros na comunidade. Preguntada polos perfís máis demandados, falou de profesionais da enxeñaría, perfís tecnolóxicos e de formación profesional e todos aqueles relacionados coa fabricación de compoñentes electrónicos.

Máis información

Duvi

Indra