Máis de 450 estudantes puxeron a proba os seus robots na EEI

Vigo TecnolóxicoActualidadeMáis de 450 estudantes puxeron a proba os seus robots na EEI
Novena edición da competición de robots da EEI

Imaxe: Duvi

Máis de 450 estudantes puxeron a proba os seus robots na EEI

Participaron alumnos e alumnas de ESO, bacharelato, FP e universidade

Estudantes de toda Galicia participaron o pasado venres na novena edición da competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial. Foron un total de 452 alumnos e alumnas de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional que chegaron desde localidades coma A Guarda, Allariz, A Estrada, Mos, Rois, Valga, Salceda de Caselas ou Vigo. Para a participación na competición distribuíronse en 92 equipos, con maioría de participantes da ESO, 248 en 48 equipos, fronte a 106 estudantes d bacharelato (22 equipos).

Juan Pardo Froján, exdirector da escola e un dos principais impulsores da iniciativa, sinalou a boa resposta que volveu ter, polo que seguirán potenciando a actividade para que a mocidade se familiarice coa tecnoloxía e desenvolva a creatividade e a innovación en clave tecnolóxica.

Diversas probas distribuídas en dúas categorías

As diferentes roldas de probas distribuíronse durante toda a mañá. Na categoría “Be Robot”, para alumnado de ESO e bacharelato, cada robot participou en dúas probas: “Sigue-liña marchoso” e “Varrendeiro-cebra”, nas que os robots son situados nun tapete de competición, sobre o chan. Na primeira, o robot ten que seguir un circuíto marcado cunha liña branca, duns 2 centímetros de ancho, sobre fondo escuro, ao que se engaden obstáculos e un lombo. Na segunda, o robot está dentro dunha circunferencia de, aproximadamente, 1 metro de diámetro, marcada tamén cunha liña branca sobre fondo escuro.  Incorpóranse catro latas de refresco brancas e varias tiras a modo de paso de cebra, de xeito que o robot debe sacar fóra da circunferencia todas as latas no menor tempo posible, sen traspasar a liña e sen pasar por riba das tiras brancas.

A categoría “DemoRobot” é a dirixida a estudantes de formación profesional e universidade, e consta de catro probas (tres nas que os robots participan en solitario competindo polo mellor tempo e unha colectiva): “Rastrexo”, consistente en seguir o camiño marcado no chan; “Labirinto”, onde o robot debe atopar a saída; “Tripla penalti con illa”, na que o robot debe sacar obstáculos do recinto entre os paus que lle correspondan; e sumo, na que se xuntan varios robots coa meta de sacar ao opoñente fóra do recinto sen traspasar a liña.

Un novo reto e entrega de premios

Por primeira vez, de xeito paralelo desenvolveuse o reto “Compy robot”, en colaboración coa empresa Binarial. Nel participaron estudantes e docentes dunha decena de centros que competiron o pasado ano. Entre outubro do pasado ano e febreiro deste tiveron que mapear unha ruta dun mínimo de 20 metros dentro dos seus centros educativos. O reto consistiu en programar o robot Compy, de Binarial, para percorrer esa ruta do xeito máis eficiente posible.

Logo das finais das distintas categorías procedeuse a entregar os premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría (1º+2º ESO, 3º+4º ESO, 1º+2º bacharelato e DemoRobot) así como os galardóns ao robot máis orixinal e o premio STEAM, que se outorga en colaboración con AER Automation (Asociación Española para la Robótica y la Automatización). Entregáronse tamén os recoñecementos aos centros participantes no 1º Reto “Compy Robot”, organizado con motivo da conmemoración de X Aniversario na pasada edición.

Máis información

Duvi
Competición de robots da EEI