Imaxe: foto de familia do alumnado cos responsables do curso (Duvi)
O curso de Experto/a en Desenvolvemento de Dispositivos de Fotónica Integrada completa a súa II edición
O alumnado puido ver completado o ciclo que vai do deseño á fabricación destes chips
Unha vintena de estudantes acaba de completar a segunda edición do do Curso de Experto/a en Desenvolvemento de Dispositivos de Fotónica Integrada, xestionado academicamente a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo e desenvolvido ao abeiro da Cátedra NextChip. O novo formato estivo marcado pola transformación do programa formativo cara un modelo baseado en catro microcredenciais independentes que abranguen distintas áreas clave da fotónica. Permitiu ofrecer así unha formación máis flexible e especializada, aliñada coas iniciativas europeas de aprendizaxe permanente e orientada a facilitar a adquisición progresiva de competencias avanzadas no sector.
O programa combinou formación teórica e práctica, proporcionando as metodoloxías e procesos utilizados na actualidade pola industria internacional. Esta aproximación permitiu ao alumnado participar en todas as etapas do desenvolvemento dun circuíto fotónico integrado. Trátase dunha formación que contou con financiamento da Secretaría de Estado de Telecomunicaciones e Infraestruturas Digitales do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, cofinanciada pola UE a través do Mecanismo de Recuperación y Resiliencia (MRR). Forma parte da convocatoria de axudas para a creación de Cátedras Chip destinadas a impulsar a investigación, transferencia de coñecemento e formación especializada en microeléctronica e semiconductores.
Clausura con entrega de chips
No acto de clausura desta formación o alumnado recibiu os chips que diseñaran, e que foron fabricados nunha foundry (fábrica de semicondutores) especializada. Puideron ver así o ciclo completo que vai desde o seu deseño ata a obtención do dispositivo físico.
Na entrega dos chips, Francisco Díaz Otero, docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, responsable da cátedra e CEO de Sparc Foundry, puxo de relevo o valor de achegar o alumnado a procesos reais de deseño e fabricación de dispositivos fotónicos avanzados. “A posibilidade de recibir e avaliar un chip desenvolvido a partir dos seus propios deseños constitúe un dos elementos diferenciais desta formación e dunha experiencia pouco habitual incluso en programa especializados de posgrao”, destacou.
Pola súa banda, o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Míguez, que ofreceu a derradeira sesión lectiva do programa, compartiu co alumnado a súa visión sobre a evolución do sector tecnolóxico e os retos asociados ao desenvolvemento e transferencia de tecnoloxías avanzadas. Tamén achegou unha perspectiva empresarial sobre as oportunidades que ofrece a industria da fotónica e os semicondutores.
Máis información



