Imaxe: Foto de familia dos membros do consorcio que participaron na reunión celebrada na UVigo (Duvi)
O proxecto Marpower avanza na descarbonización do sector mariño
O grupo GTE contribúe coa creación dun xemelgo dixital
Financiada con preto de oito millóns de euros a cargo do programa Horizonte Europa, 11 entidades de seis países impulsan unha turbina de gas alimentada con hidróxeno de 5,8MW de potencia para aplicacións marítimas. En palabras do catedrático de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos Jacobo Porteiro Fresco, o propósito é ofrecer unha alternativa de propulsión e xeración eléctrica a bordo libre de emisións de carbono. Deste xeito contribúese á descarbonización dun sector clave para a economía. Porteiro é investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do CINTECX e IP do proxecto na UVigo. Canda á consultora Zabala Innovation, conforma a representación española no proxecto Marpower (Efficient zero-emissions gas turbine POWER system for MARitime transport, ou Sistema de propulsión de turbina de gas eficiente e de cero emisións para o transporte marítimo).
Reunión do consorcio
O proxecto está liderado pola Universidade Politécnica de Lappeenranta (LUT), Finlandia, e durará ata mediados de 2028. O consorcio vén de celebrar na UVigo a segunda reunión anual, de camiño ao desenvolvemento dun sistema de conversión de enerxía innovador e flexible que poida empregar unha ampla gama de combustibles sostibles con modificacións mínimas nos sistemas de combustión existentes, como metano verde, metanol verde, hidróxeno ou amoníaco.
O transporte marítimo representa o 90% do transporte de mercadorías e é responsable do 3% das emisións de gases de efecto invernadoiro. De aí que a Organización Marítima Internacional (OMI) presentase en 2018 unha estratexia destinada á redución da intensidade de carbono nun 50% para o ano 2030 e nun 70% para 2050.
Nese terceiro encontro do consorcio responsable de Marpower, organizado polos investigadores Jacobo Porteiro e David Patiño, os socios concordaron en que o proxecto avanza satisfactoriamente cara aos seus obxectivos, tanto no desenvolvemento tecnolóxico como na coordinación entre os distintos paquetes de traballo. Xunto á Universidade de Vigo, reuníronse e forman parte do consorcio Aurelia Turbines, AlfaLaval e LUT University (de Finlandia); Politecnico di Milano e RINA (Italia); German Aerospace Center (Alemania); DTU (Dinamarca), Chantiers de L’Atlantique (Francia) e Zabala Innovation (España).
Xemelgo dixital
Dentro do proxecto, a Universidade de Vigo lidera o paquete de traballo 3, consistente na construción do xemelgo dixital da turbina de hidróxeno. Este modelo de simulación, explica o catedrático David Patiño, permite validar virtualmente o comportamento da máquina, antes e durante a súa posta en marcha. Deste xeito redúcense riscos, custos e tempos de desenvolvemento.
Para este traballo os investigadores da UVigo contan cunha aportación de algo máis de medio millón de euros nas liñas consolidadas do GTE en combustión e modelado de sistemas enerxéticos. Tamén conecta coa actividade recente do grupo en hidróxeno e combustibles alternativos. Jacobo Porteiro explica que este proxecto supón unha ampliación do traballo de GTE cara ao desenvolvemento desta ferramenta, os xemelgos dixitais (digital twins), ámbito de grande relevancia na actualidade.
Máis información



