Imaxe: Raquel Pérez Orozco, coordinadora do proxecto Tiris, durante a sesión de presentación ao estudantado (Duvi)
TIRIS: un proxecto de cooperación co Sáhara Occidental impulsado desde Minas e Enerxía
Está coordinado pola profesora Raquel Pérez Orozco
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acaba de pór en marcha a iniciativa TIRIS de cooperación internacional co Sáhara Occidental. “Tecnoloxía e innovación para refuxiados con impacto social” é un proxecto piloto no que alumnado do centro se encargará do deseño e fabricación dun sensor ambiental. Este sensor permitirá a medición de temperatura e humidade en contornas con recursos limitados, neste caso a escola Salem Ahmed Barkala, situada na wilaya de Bojador na República Árabe Saharauí Democrática, RASD.
A coordinadora do proxecto, a profesora Raquel Pérez Orozco, salienta que se trata dunha iniciativa que combina innovación educativa, aprendizaxe práctica e cooperación internacional cos campamentos de refuxiados saharauís. Está enmarcada nas accións de Innovación Docente da Universidade de Vigo e coida que “aspira a converterse nun modelo exportable de colaboración educativa e tecnolóxica con impacto social e sostible”.
O proxecto integra metodoloxías de Aprendizaxe-Servizo e Aprendizaxe Baseada en Proxectos, fomentando a implicación social e a cooperación como parte esencial do proceso formativo.
Un dispositivo adaptable e de uso sinxelo
O dispositivo deseñado na EEME estará pensado para ser autónomo en alimentación eléctrica, adaptado ás condicións do centro e de manexo sinxelo, para poder ser empregado polos escolares saharauís.
A escola Salem Ahmed Barkala, coa que a Escola xa tiña un vínculo de cooperación, concentra arredor de 700 escolares e 24 docentes. Pérez Orozco precisa que parte do profesorado traballa de xeito voluntario e non todos contan con estudos universitarios completos, polo que é necesario incidir na accesibilidade do proxecto.
Todo un proceso educativo
Medio cento de estudantes de 3º e 4º curso de Enxeñaría da Enerxía participan na iniciativa. Están guiados por un amplo equipo de docentes, e se encargarán non só do deseño, senón tamén de impartir formación virtual para a comunidade saharauí.
Pérez Orozco salienta que a clave non é so o dispositivo en si, senón todo o proceso educativo que o acompaña. O alumnado saharauí achegarase á tecnoloxía de xeito práctico e aprenderá conceptos básicos sobre calidade ambiental, temperatura ou humidade. A docente estará acompañada polos profesores Moisés Cordeiro Costas, Andrés Suárez García, Iván Puente Luna e Javier López Bértolo. Encargaranse de dirixir as tarefas vinculadas ás materias implicadas, que abranguen desde o deseño electrónico e a eficiencia enerxética ata o modelado 3D e o control de sistemas. Destaca tamén o papel de Héctor Santórum, estudante da EEME que actúa como contacto directo co centro saharauí.
Máis información



