Imaxe: despegue do foguete Falcon 9 que leva a CORTIS desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (Duvi)
UVigo SpaceLab regresa ao espazo co proxecto CORTIS
Obterá datos útiles para BIXO, a súa misión principal
O pasado xoves, ás 20:22 horas, un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba da base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space, ou Proba de Radiación e Observación por Cámara no Espazo), que foi desenvolvido durante un ano pola asociación estudantil UVigo SpaceLab. Ía integrado na plataforma orbital OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration, ou Solucións Orbitais para Simplificar a Inxección e a Exploración), deseñada e fabricada pola empresa galega UARX Space. CORTIS, que permitirá probar e comparar os resultados das cámaras e sensores de radiación a incorporar ao satélite tipo cubesat BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit, ou Experimento de Intercomunicación Bacteriolóxica en Órbita), quedou liberado en órbita ás 21:41 horas.
Fito que chega tras case 8 anos do anterior lanzamento da UVigo
Transcorreron preto de oito anos desde o lanzamento doutro cubesat, o Lume-1, a cargo da Agrupación Aerospacial, e, por fin, a UVigo está de volta no espazo. Daniel Collarte, de UVigo SpaceLab, considera este éxito un fito para a asociación. “Xa non somos só un grupo de estudantes que ten ideas, senón un grupo de estudantes que consegue desenvolvelas e levalas do papel á órbita”, afirmou.
A separación do vehículo de lanzamento completouse mediante o uso do sistema SAU&RON 24, tamén desenvolvido por UARX Space. Tras ela, o equipo de operacións da compañía procedía a iniciar a fase LEOP (Launch and Early Orbit Phase, ou fase de lanzamento e órbita temperá) de operacións iniciais en órbita. Durante este proceso establécense e verifícanse as comunicacións con OSSIE-D, e avalíase o estado do vehículo, analizando a súa telemetría. Son os pasos previos á activación progresiva dos sistemas necesarios para as seguintes fases da misión, que transporta non só a CORTIS, senón outras nove cargas e 16 satélites, que permanecerán integrados na plataforma para realizar demostracións tecnolóxicas e validar novos desenvolvementos en condicións reais de operación espacial.
A futura misión BIXO, revitalizada
CORTIS é un proxecto que principiou en xuño de 2024 e rematou coa súa integración na plataforma orbital OSSIE en xuño de 2025, grazas á colaboración de UVigo SpaceLab con UARX Space. Desde a asociación estudantil, que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, relatan que este proceso puxo a misión BIXO en compás de espera, permitindo a novos integrantes da asociación experimentar a realización dunha misión de principio a fin. Deste xeito poden validar tecnoloxías para o seu futuro emprego en BIXO, co que se ven impulsados a continuar con BIXO “con más forza”.
O experimento CORTIS recollerá regularmente datos sobre radiación en órbita. Os seus obxectivos principais son avaliar e comparar o rendemento de sensores de radiación comerciais fronte a solucións desenvolvidas polo propio UVigo SpaceLab e validar tamén unha cámara con flight heritage.
Datos de vital importancia para a misión principal
Daniel Collarte sinala que é UARX Space quen se encarga do tratamento dos datos, que logo recibirán. En casos puntuais, poderán descargar imaxes capturadas por CORTIS. En canto comecen a recibir estes datos, poderán comprobar o correcto funcionamento do sistema. Aseguran que será de vital importancia para a misión biolóxica BIXO, que porá en órbita un cultivo bacteriano para estudar como se ve afectado pola exposición prolongada ao ambiente espacial.
Tras cinco anos do seu arranque, nos que BIXO afrontou o seu inicio, deseño e construción, a misión continúa coa integración e validación dos subsistemas e distintos compoñentes na sala limpa.
Máis información
Duvi



