VQCC e a Zona Franca presentan a nova cátedra en Computación de Óptica Cuántica

Vigo TecnolóxicoActualidadeVQCC e a Zona Franca presentan a nova cátedra en Computación de Óptica Cuántica
Carmela Silva, Manuel Reigosa, Abel Caballero, David Regades, Marcos Curty e Inés González na presentación da Cátedra en Computación de Óptica Cuántica

Imaxe: Carmela Silva, Manuel Reigosa, Abel Caballero, David Regades, Marcos Curty e Inés González na presentación da Cátedra en Computación de Óptica Cuántica (Duvi)

VQCC e a Zona Franca presentan a nova cátedra en Computación de Óptica Cuántica

Servirá para consolidar o Quantum Optical Computing Lab

No mediodía de onte o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, e o delegado do Estado para o Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinaron o acordo de creación da nova cátedra, que estará baixo a dirección da UVigo.

En palabras do catedrático Marcos Curty Alonso, director do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), adscrito a atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías da telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, esta cátedra servirá de apoio ao laboratorio en computación cuántica creado recentemente no VQCC en colaboración do CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia. O catedrático da Universidade de Vigo sinala que o primeiro obxectivo para os vindeiros tres a cinco anos é o desenvolvemento de procesadores cuánticos que permitan resolver de xeito máis rápido e eficiente cós ordenadores clásicos problemas de optimización con relevancia práctica en eidos como a criptografía, a busca de bases datos ou a simulación de sistemas físicos complexos.

Ademais de consolidar o Quantum Optical Computing Lab, a nova cátedra servirá para crear oportunidades laborais para novo persoal de investigación. Entre os avances en comunicación óptica cuántica que se esperan están a consecución dun avanzado sistema de comunicación fotónica mediante o uso de láseres acoplados para a resolución de problemas complexos de computación fotónica. Outro dos obxectivos da cátedra, que tamén traballará na promoción da tecnoloxía cuántica e as STEM, especialmente entre o alumnado universitario, é a creación dunha máquina de Ising coherente óptica.

Sentando as bases para o impulso dun sector emerxente

No acto tomaron a palabra Manuel Reigosa Roger, reitor da UVigo, quen agradeceu a colaboración da Zona Franca e asegurou que se están a pór as bases para ter un papel fundamental nestas novas tecnoloxías que mudarán a face da sociedade no seu conxunto; David Regades, delegado do Estado no consorcio da Zona Franca, que afirmou que este organismo financiará a atracción desde a cátedra de talento internacional; Abel Caballero, alcalde de Vigo, quen sinalou o histórico deste momento;  Inés González, directora xeral do Consorcio, quen incidiu na alianza estratéxica da Zona Franca coa Universidade de Vigo en proxectos que supoñen transferencia de coñecemento; e Carmela Silva, primeira tenente de alcalde, que puxo sobre a mesa o nesgo de xénero nestes sectores e reclamou a presenza equilibrada de talento no eido das tecnoloxías emerxentes e rompedoras.

Computación cuántica óptica

A principios de ano, a Universidade de Vigo e o CESGA impulsaban, cun investimento de 2,4 M€, a creación do Quantum Optical Computing Lab, un laboratorio especializado en computación cuántica óptica no que se traballará no desenvolvemento dun procesador cuántico. O novo laboratorio permitirá afondar na investigación sobre computación cuántica óptica como unha plataforma experimental específica, consolidándose como infraestrutura singular e aberta, para facilitar a colaboración con investigadores externos mediante protocolos comúns. Co desenvolvemento deste novo sistema de computación cuántica óptica poderíanse resolver problemas de optimización complexos moito máis rápido e consumindo menos enerxía que cos procesadores clásicos.

Ademais, o Quantum Optical Computing Lab permitirá situar a Galicia dentro da plataforma experimental da futura Fábrica europea de intelixencia artificial debido ás súas sinerxías e a potencialidade para executar algoritmos de IA de forma máis eficiente.

Dotación económica asumida ao 50%

En canto á cátedra, esta terá unha dotación anual de 240.000 euros que achegarán ao 50% UVigo e Zona Franca. A universidade achegará o espazo físico para o desenvolvemento da investigación, equipamento científico e servizos de apoio para a operatividade do laboratorio por un importe de 50.000 euros, ao que se engaden 70.000 en concepto de persoal investigador sénior postdoutoral a tempo parcial. A Zona Franca destinará os 120.000 euros da súa achega a financiar horas de investigación sénior postdoutoral.

A comisión de seguimento e comisión técnica de xestión do convenio estarán integradas por dúas persoas en representación da UVigo e outras dúas de Zona Franca. A duración do convenio é de catro anos.

Máis información

Duvi