Imaxe: intervención de Manuel Reigosa na presentación. Á esquerda da imaxe, Marcos Curty e Román Rodríguez. Á esquerda do reitor, Carmen Cotelo, José Montero e César Pérez (Duvi).
VQCC estrea a maior estación terrea de España para comunicacións cuánticas
Permitirá a conexión ás principais misións internacionais, ESA Eagle-I e SAGA
A Universidade de Vigo inaugurou o pasado xoves a maior estación óptica terrea de España, co que consolida o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Foi bautizada co nome de Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009), a investigadora ourensá que foi a primeira muller astrónoma de España. Está situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, por ser o mellor lugar de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica, e o investimento total asociado foi de 1,5 millóns de euros.
Marcos Curty Alonso, catedrático, investigador principal do proxecto e director do Vigo Quantum Communication Center (VQCC) do Campus Vigo Tecnolóxico, subliñou a vantaxe competitiva que representa esta nova infraestrutura. Permitirá ampliar a visibilidade internacional do centro e a capacidade de participar en proxectos deste eido.
Incidindo na competitividade e a captación de talento
Na presentación da infraestrutura participaron, entre outras autoridades, Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez González, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Ambos os dous subliñaron a importancia que ten para Galicia dotarse dunha infraestrutura deste nivel. Reigosa falou dun “día para celebrar o talento”, e puxo en valor o sistema universitario galego. Rodríguez asegurou que a comunidade está en disposición de competir cos territorios máis avanzados, con profesionais con gran formación, tanto de Galicia como de fóra, en referencia á capacidade de captación de talento que a comunidade acadou nos últimos anos neste eido das comunicacións cuánticas (de feito, a metade do persoal do VQCC provén do estranxeiro).
Canda o reitor e o conselleiro acudiron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera; e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
Unirase á rede cuántica europea
A nova instalación permitirá que a Universidade de Vigo se conecte coas principais misións europeas e internacionais que despregarán satélites para comunicacións cuánticas nos próximos anos, incluíndo as misións da ESA Eagle-I e SAGA, na que xa forman parte do consorcio.
Marcos Curty indicou que actualmente estase a realizar o despregamento dunha rede de comunicacións cuánticas a nivel europeo para protexer as comunicacións máis sensibles, a European Quantum Communication infrastructure, EuroQCI. E, como parte desta rede, en España e Portugal estase a despregar a rede IberianQCI, que conectará os dous países e que posteriormente se unirá a EuroQCI por satélite. Vigo será un nodo desa IberianQCI, e a nova estación formará parte desa rede.
Actualmente só existe en España unha estación óptica similar para comunicacións cuánticas, situada no Instituto de Tecnologías Físicas y de la Información Leonardo Torres Quevedo, dependente do CSIC, pero de menor tamaño cá viguesa.
Garantir a seguridade das comunicacións
A instalación consiste esencialmente nun telescopio de 80 centímetros de diámetro dentro dunha gran cúpula e varios equipos de medida situados nun contedor conectado ao telescopio por fibra óptica. Curty e Hannah Thiel, do Laboratorio de Satélites do VQCC explicaron que será utilizada para a distribución cuántica de claves criptográficas. Estás claves poden empregarse para cifrar información e garantir a seguridade a das comunicacións, independentemente da capacidade de computación dun atacante.
O director do VQCC explicou que os satélites actúan como transmisores de sinais ópticos de moi baixa intensidade, codificados en estados cuánticos da polarización da luz. A estación óptica terrea, como receptor, recibe os sinais e mídeos cun equipo de medida que traballa no réxime cuántico. Deste xeito, pódense establecer primeiro claves criptográficas entre satélites e estacións ópticas en terra. Seguidamente, isto pódese trasladar a claves criptográficas establecidas entre as estacións, onde estarán conectadas as persoas usuarias.
Empregarase con satélites de orbita baixa (LEO) como os que se van a empregar nas misións da ESA SAGA e Eagle-I, e tamén con satélites de orbita alta, xeoestacionaria, como a misión española GARBO.
Máis información



